Areas negras no niño do vento

SOCIEDAD

A praia das areas negras está 613 metros máis abaixo da vixía Herbeira. No cantil de baixada hai un glaciar, unha fervenza, un recordo a Leslie Howard, restos dun naufraxio e quizais o lugar onde nace o vento.

05 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para o segundo disco de Pepe Vaamonde Grupo, Onde nace o vento, a foto promocional foi na vixía Herbeira: «Contáronos que alí é onde nacía o vento, aínda que o vento nace no mar», lembra Pepe. Os 150 aeroxeneradores da serra da Capelada parecen darlles a razón. Tamén os refachos de 184 quilómetros por hora rexistrados en setembro do 2006 ou os 120 do último mes de abril. De Herbeira ao miradoiro de Teixidelo baixa a liña gris de asfalto que atravesa a serra. Vacas e cabalos (hai uns 300) crúzana sen présa. Un visitante, Manuel, chancea cun cuxo: «Xa nos vemos no prato».

No miradoiro de Teixidelo hai tres camiños. O que baixa pola esquerda, mirando o mar, convértese nunha corredoira. Os loureiros dan sombra e as súas raíces abrazan as pedras dos muros, en parte caídos. A entrada a varias fincas está pechada con ese modelo tan galego: os somieres. Nalgún punto, parando, escóitase a auga nacendo debaixo dun carballo. A corredoira acaba en San Andrés de Teixido, nun aparcamento.

O camiño da dereita do miradoiro vai por unha pista asfaltada. Pasando por unha cancela que garda o gando, vaise á praia das areas negras. Non hai unha única ruta para baixar a un lugar do que os xeólogos din que é «posiblemente» único no planeta. «Hai moi poucos sitios no mundo nos que se atopa a peridotita (formada por olivina) sen saír directamente dos volcáns, xa que se forma a máis de 70 quilómetros de profundidade e moi rara vez chega á superficie». Así explicaba Francisco Canosa, o xeólogo que mellor coñece a zona, o porqué destas areas e pedras negras. Foi nun percorrido divulgativo para xornalistas entre os que estaba Manuel Rey, de GCiencia, que así o recollía.

Parte da baixada é por un val glaciar formado hai máis de 300 millóns de anos. No percorrido, de dificultade media, hai restos de animais mortos [en agosto despenouse un cabalo]. A dificultade aumenta os días de vento. Aconsellan ir nunha das xeorrutas que organiza o Concello de Cedeira ou con persoas que xa foran. Algún visitante xa tivo que ser rescatado.

Para chegar é praia ten que ser con marea baixa. E mellor se son mareas vivas. Saltando polas rochas da costa para chegar á area hai restos do Bonnie Carrier, un buque que rachou as amarras cando, en 1986, era remolcado. Na praia, os poucos días de calma o vento non para. Escóitanse as pedras chocando entre si, peneiradas sen descanso polas ondas e ese vento. Acaban facendo delas puídas perlas negras de todos os tamaños. ¿Estará aquí o niño do vento que logo sobe á vixía Herbeira?

Arriba, no miradoiro de Teixidelo, o terceiro camiño vai ao cruceiro. Unha placa, diante dos toxos, lembra a Leslie Howard. O avión no que viaxaba o actor de Lisboa a Londres, o Dakota, foi abatido fronte a estas costas por cazas alemáns. Howard era un dos protagonistas de Foise co vento [outra vez o vento]. Por iso, nos solpores amarelos destes días, cando os pesqueiros do cerco pescan abaixo, Escarlata O’Hara podería estar neste cruceiro dicindo aquilo de «a Deus poño por testemuña...» que nunca vin lugar coma este.