«O noso é un gran de area dun coñecemento que pode ser enorme»

alberto lorenzo REDACCIÓN

SOCIEDAD

LA INVESTIGADORA KELLY CONDE
LA INVESTIGADORA KELLY CONDE MARCOS MÍGUEZ

Kelly Conde estuda o microbioma para obter información para facer tratamentos máis efectivos

15 ene 2020 . Actualizado a las 13:36 h.

Kelly Conde Pérez (Xunqueira de Espadanedo, 1994) tamén é unha das beneficiarias das bolsas da Asociación Española Contra el Cáncer. O seu labor de investigación céntrase no microbioma, «o conxunto de xenes, de bacterias, virus e fungos que viven con nós», indica.

-Que transcendencia ten?

-Poñamos, por exemplo, o intestino. Sábese que xogan un papel fundamental na resposta inmune, no desenvolveremos de múltiples trastornos ou enfermidades. Pero o que se sabe aínda é moi pouco. Hai que investigar moito nos microorganismos que interveñen no cancro, no alzhéimer ou en trastornos metabólicos.

-E cal é o seu plan?

-No laboratorio de microbioloxía do hospital creamos unha microplataforma de microbioma. Estamos tentando realizar estudos nos que poidamos ver que papel xoga o microbioma que temos todos os seres humanos en enfermidades e trastornos diversos que poidamos experimentar.

-O seu proxecto está centrado no caso do cancro.

-Queremos saber o papel dese microbioma na resposta ás terapias oncolóxicas, de maneira que saibamos que microorganismos melloran as terapias.

-Que se lograría así?

-Diagnosticar se unha persoa vai ter unha predisposición moi alta a sufrir cancro. Por exemplo, de colon. Isto non quere dicir que o microbioma sexa o único responsable de que se vaia producir un cancro. Hai múltiples factores. Poderiamos ver que microorganismos nos poden axudar a previr o cancro e que microorganismos van incrementar a posibilidade de que se desenvolva un tumor. Podemos previr o cancro e diagnosticar e realizar terapias moito máis personalizadas. Imaxina que unha persoa recibe un tratamento pero non sabemos que hai dúas bacterias que van favorecer que a resposta sexa positiva; daquela, pódese subministrar a través dun probiótico, ou realizar unha terapia con antibiótico para eliminar algún microorganismo.

-Semella un mundo aberto.

-Cada vez coñécese máis do papel que desenvolve o microbioma nas enfermidades, pero aínda queda moito por descubrir. Sabemos moi pouco de todo iso. É unha porta nova aberta a poder tratar de darlle unha cura ao cancro, e por iso é moi importante que se siga investigando. O noso é un gran de area, pero se todo o mundo contribúe a iso o coñecemento será enorme.

-Imos camiño do tratamento ultrapersonalizado?

-Si, hai que tratar de darlle unha cura ao cancro, e para iso tense que ter en conta que mutación se atopa no seu tumor, que tipo de alimentación leva a persoa ou que microbioma presenta. Iso asegura unha terapia efectiva, polo que será algo importante.

-Cal será o seguinte paso?

-Unha vez que se describe un perfil de certas bacterias que van favorecer a resposta do tratamento haberá que saber que persoas van responder mellor, e logo seguir facendo experimentos para contrastar os resultados.