«Se Gloria volve, a porta está aberta para que poida pasarlle de todo»

O personaxe de Sabela Arán regresa a «Serramoura» e experimenta unha volta ao pasado


redacción / la voz

A actriz Sabela Arán (Santiago, 1987) regresa a Serramoura interpretando a Gloria Moscoso, un dos personaxes máis recoñecibles da ficción de Voz Audiovisual.

-Gloria volve a «Serramoura» despois duns episodios fóra da vila. Que viviu durante todo este tempo?

-Gloria viviu unha vida distinta á que estaba acostumada, na que Serramoura xa forma parte do pasado e na que, seguramente, non botou en falta á xente da vila. Conseguiu montar un imperio pola súa conta, ser totalmente independente e estar nun nivel moi alto ao que a xente de Serramoura non cría que puidese chegar, pero que realmente pasou.

-Despois da súa evolución na serie, quen é Gloria Moscoso?

-Gloria Moscoso volve a Serramoura e non pode disimular todo o que viviu. A Gloria de hoxe en día creouse grazas ou por culpa de Serramoura. O seu obxectivo agora é salvar a Evaristo da lea na que está metido e iso vai remover cousas dela por dentro, porque é inevitable. Vai tratar de facelo con certa distancia, pero vaille ser algo complicado de manter.

-Que ten Sabela Arán de Gloria Moscoso?

-Hai moitas cousas que eu comparto co personaxe de Gloria. As dúas somos mulleres de carácter, temos moi claras cales son as nosas conviccións e os nosos obxectivos. A diferenza é que eu intento facelo de boas formas, pero con Gloria non sempre foi así (ri). Gloria gústame porque foi unha muller que se descubriu a si mesma e que conseguiu converterse no que sempre quixo ser.

-Que suporá o seu regreso para a vila e para o resto de personaxes?

-Se Gloria volve, a porta está aberta para que poida pasarlle de todo (ri). Gloria pensa que a visita a Serramoura vai ser momentánea, pero non vai ser así. Vai ter unha volta ao pasado que removerá moitas cousas que ela non coñecía.

-Tamén podemos vela os luns en «Lobos e Cordeiros». Que retos supón como actriz unha serie de época?

-O código é absolutamente diferente. Estás dando voz e corpo a un personaxe que pertence a outro século e iso implica cambios en todos os sentidos. É moi interesante, porque na medida en que poidamos interpretar papeis tan distintos, de épocas tan diferentes, aumenta a riqueza persoal e profesional que teño como actriz.

-Estamos acostumados a vela a vostede interpretando a personaxes moi fortes. Como ve a importancia dos papeis femininos na ficción?

-Hoxe en día os personaxes femininos teñen unha presenza moi importante e relevante nas historias que se contan na ficción. Por suposto segue habendo desigualdades, pero, por sorte, hai xente que loita porque iso vaia desaparecendo. No meu caso en concreto teño unha sorte absoluta porque sempre tocáronme personaxes estupendos. Mulleres con carácter, con principios, con vidas moi interesantes, mulleres reais, pero aínda hai moita desigualdade que nivelar.

Que pasou entre Daniel e Evaristo?

Esta noite, a partir das 22 horas, TVG emite un novo capítulo de Serramoura que dará resposta a unha das incógnitas sen resolver do episodio anterior: que pasou no monte entre Evaristo e Daniel? Mentres, a sarxento Neira é a encargada de vixiar a Brais, a testemuña protexida que pode inculpar a Micaela. Pero co que non contaba a Garda Civil é con que Brais aproveitará a súa estancia en casa de Marga para negociar cos rusos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Se Gloria volve, a porta está aberta para que poida pasarlle de todo»