Josito Porto: «Ás oito da mañá tiven que tomar 2 cuncas de barrantes»

SOCIEDAD

MARTINA MISER

O actor, imerso no proxecto musical Factoría de Subsistencia, percorría a ría de Arousa na súa xuventude co grupo de gaitas Froallo

10 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda Josito Porto (Vilagarcía, 1967) enredado este verán coa promoción do seu proxecto musical Factoría de Subsistencia e tamén vén de comezar a gravación dunha nova serie da TVG, Fonte Alba. Nada que ver con aqueles anos da xuventude nos que percorría a ría de Arousa co grupo de gaitas Froallo.

-¿Recordas algunha aventura de cando andabas por aí tocando a gaita?

-Pois aínda hai pouco que lembramos o que nos pasou un verán, a finais dos oitenta, que nos chamaron para unha alborada en Ribadumia e chegamos ás oito da mañá, eu xa sen durmir porque andara de parranda, e o da comisión de festas levounos á súa casa para tomar algo. Chegamos á adega e puxéronnos unha cunca de viño barrantes, desas de medio litro, cunhas galletas e biscoitos.

-¿E atrevícheste con ela?

-Pensei en dicirlles que era mellor un tazón de leite ou algo así, pero adiantóuseme outro do grupo, Luís, e a señora da casa dixo: «¡Pois vaia gaiteiros!», e eu, por non recibir esa humillación, decidín que era mellor tomar a cunca dunha patada e púxena na mesa con forza. «Ben, ¿gustouche?», dixo a muller. E botoume outra. ¡Non recordo outra borracheira tan cedo!

-¿E de amores, que?

-Nada. Chegaban as rapazas estranxeiras, que falaban estraño, en alemán ou holandés ou eu que sei, e risa para aquí, risa para alá, pero nada máis, porque eu non entendía nada. A xente pensa que é unha pose dos actores iso de que somos tímidos, pero no meu caso é certo, é a teima da miña vida, e sempre había outro máis espelido que ligaba antes. Son moi cortado, pero esa vergoña a mando a paseo no escenario.