Aprender galego en Cataluña

O ensino do idioma chegou a impartirse en catorce institutos da comunidade

.

barcelona / enviada especial

Sabela Labraña fala en galego no corazón de Barcelona. O seu non é só unha decisión emocional, senón que o seu traballo, ou polo menos unha boa parte del, foi ensinar galego nos institutos de secundaria de Cataluña: «Nun país coma este, con 300 linguas faladas, nós tivemos a ilusión de que este proxecto xerase unha interrelación entre adolescentes galegos e cataláns, que lles servira de base para un respecto e un enriquecemento mutuo».

Este proxecto, Galauda, naceu no ano 99, e se pensaba que ía ser para completar a formación dos fillos de galegos, «pero se inscribiron a discreción xentes de todos os sitios e nas nosas viaxes reuníamos uns oitenta cativos». Algúns anos houbo «catorce institutos cataláns mobilizados», xa que quen se inscribía na materia de Galego tiña créditos dos chamados variables. En Galicia, en cambio, o interese era moito menor, e só dous institutos participaban na iniciativa, é dicir, ensinaban catalán: eran os centros de Auga de Laxe, en Gondomar, e Pedregal de Irimia, en Meira. Unha semana ao ano facíase un intercambio de alumnos.

As paisaxes

Durante o curso, á espera da excursión a terras galaicas, os nenos estudaban a lingua, escribían nela, facían contos e representaban obras de teatro. «Os pais estaban encantados», recorda Labraña, quen se esforzaba por potenciar a cohesión deste grupo: «Entre eles a confrontación histórica entre os pobos do Estado non existiu nunca».

O proxecto foi languidecendo coas xubilacións dos profesores de Galego e cos recortes; hoxe só un colexio, El Casal de Castellar del Vallés, está no programa.

Sabela Labraña é pura enerxía. Hoxe traballa no centro de formación de adultos (CFA) Palau de Mar de Barcelona, a poucos metros do hospital Clínic e no medio dun complexo fabril do século XIX reconvertido en universidade e centros educativos; alí sumouse ao movemento de profesores que queren darlle unha volta á educación, e xunto co director do espazo, Joan Padrós, lidera a posta en marcha da aula invertida -facer os deberes na clase- en todo o CFA. «Cando Joan falou de innovación no centro eu levantei a man a primeira», recorda entre risas.

A historia de Sabela con Barcelona principiou moito antes, no 79, cando os colexios eran «nacionales» e os profesores podían rotar por todo o país. A ela, que é de Cedeira, tocoulle Santa Coloma, cerca de Barcelona: «Eu estivera anos en Madrid, pero non tiña nada que ver. ¡Había aquí unha loita polo ensino! En Santa Coloma había un proxecto educativo impresionante, aquilo era outro mundo».

Despois pasou á universidade, ao grupo de Basilio Losada, unha institución galaica na cidade condal, e alí traballou -xunto coas clases dos institutos- ata que no 2011 tivo que volver ao ensino medio cos recortes universitarios pola falla de alumnos. A ela non parece importarlle, porque segue en primeira liña, loitando por unha educación diferente e ensinando galego, se non na aula, si na casa, ás súas netas de 10 e 2 anos.

«A confrontación histórica entre os pobos do Estado non existiu para os nosos alumnos»

Pero tamén había moitas excursións e unha viaxe anual a Galicia, en albergues da Xunta. Aos rapaces impresionáballes a paisaxe galega, «especialmente Fisterra», que tiña éxito por ser unha costa moi diferente da que eles estaban acostumados.

Votación
10 votos
Comentarios

Aprender galego en Cataluña