Si discrimina ás nenas

SOCIEDAD

11 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Discrimina desde o momento en que o fútbol feminino non é actividade profesional, que non se televisa o fútbol xogado por mulleres e que no recreo é un xogo maioritariamente masculino, aínda que as nenas tamén vexan os partidos, sigan ás estrelas e xoguen á quiniela, pasivamente. Discrimina, mesmo espacialmente: ¿que mensaxe lanza un patio ocupado nun 80 % por dúas ducias de rapaces xogando ao fútbol mentres o resto (nenas e rariños) miran desde as marxes? O que me estraña é que, neste mundo do politicamente correcto, de utilización en van da palabra igualdade, se tardase tanto en caer na conta de que o fútbol no recreo é o reflexo infantil desta sociedade machista que aínda separa roles e fomenta eses valores noxentos (si) que tamén están nese deporte de multimillonarios agresivos e caprichosos, cuxa desvinculación coa cultura é flagrante. Non parece o mellor exemplo para o patio. Pero aínda me estraña máis esa hipocrisía dos que, no fondo, non atrevéndose a defender estes valores dubidosamente educativos do fútbol, aducen a necesidade de que os nenos fagan deporte, coma se non houbese espazos para a educación física. En fin, como din as mestras e os mestres, o patio é de todos. Igual ca o ensino. E no recreo, contra o que moitos pensan, a educación das nosas fillas non queda en suspenso.