A pregunta do papa á Igrexa enteira

A. Torres Queiruga TEÓLOGO

SOCIEDAD

05 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha iniciativa rara, pero normal. Moi propia deste papa, que empezou o seu pontificado pedindo que o bendiciran antes de bendicir. Papa pastor, que pón a énfase nas necesidades e actitudes vitais  -«¿quen son eu para xulgar?»- deixando a revisión teórica para a profundización dos teólogos. Iniciativa rara, porque rompe hábitos inveterados, nacidos de rutinas solemnes e doutrinas superadas. Iniciativa normal, porque responde ao elemental funcionamento democrático, e engancha co espírito orixinario, ben expresado pola teoloxía patrística: «O que a todos afecta, por todos debe ser tratado».

Por iso pregunta a todos. Principalmente aos implicados: aos que viven en carne propia as preguntas e as esixencias de tempos novos, que alongan a duración da vida, fraxilizan as relacións e introducen posibilidades e lexitimidades antes descoñecidas. Tempos que piden fe consciente e participación comunitaria. Contra resistencias doutrinarias, o papa remite ao estilo do Nazareno: como di o eséxeta Theissen, Xesús era claro e firme nos principios -pode ser adúltero ollar unha muller reducíndoa a simple obxecto sexual (Mateo 5,28)-, pero comprensivo sen límite no enxuizamento das condutas, defendendo a adúltera e deixándose acariciar por unha prostituta.

Esperemos que as resistencias -malum signum o artigo do prefecto da Fe- non abatan o novo vento do Espírito. Persoalmente teño plena confianza na autenticidade persoal do papa e no seu demostrado carácter de goberno, estrañamente cargado de lúcida e prudente valentía.

A. Torres Queiruga é teólogo.