«O corazón da Branca de Neve», de Francisco Castro
28 ago 2013 . Actualizado a las 09:27 h.En canto chegou á casa, Hermida chamou ao xefe Alonso. Viña de deitarse e, probablemente, viña de espertalo, pois si escoitou o laio en forma de blasfemia da que tiña que ser a súa dona por detrás. E contoulle todo o que vira na casa do tal Alberto. E a conversa con el, e que sabía que fora o que mercara á nena roubada. E que a muller era a que conducía o coche.
A Hermida non lle sorprendeu o que saíu da boca do xefe Alonso:
-Está ben. Agora tes que deixar todo nas nosas mans. Envío unha patrulla da científica a fume de carozo a recoller probas. E ti, xa sabes, nin unha palabra a ninguén.
Ao inspector Hermida non había por que darlle ese tipo de ordes. El, oficialmente, estaba fóra do caso. Aínda que estaba dentro. Mais iso sabíano só o xefe Alonso e el. Agora, o xefe Alonso ía ter que ver como argallar unha explicación coherente para xustificar que chegasen todos alí a invadir aquela casa e buscar probas, tomar mostras, analizar cousas... E buscar ao dono da casa, a ver se sigue vivo, e á muller, a eses dous que se embarcaron nunha aventura absurda, probablemente movidos pola desesperación de querer ser pais a toda costa.
Hermida chega á casa e sente o corazón baténdolle duro nas tempas. E sente, tamén, un certo alivio. A pesar de que entra dentro do posible que Leila estea morta, ou o Alberto co que falou, cando menos, foille algo útil á investigación, cando menos, axudou un chisco a reparar, dentro do que puido facer dun xeito clandestino e grazas á axuda do xefe Alonso, a súa torpeza á hora de deixar sen vixilancia á rapaza. Mais tamén, no fondo do corazón, sabe que ela debe de estar ben. Víase na gravación das cámaras de seguridade da porta do hospital. Que marchaba con eles. Que non había violencia.
O bo de tomar tres pastillas seguidas para durmir (un ansiolítico, un relaxante e un hipnótico) é que o sono chega en nada. E que non se soña. E así non aparece a súa rapaza que morreu pola súa culpa. E así non aparece Leila pedindo responsabilidades. Ou se aparecen, el non o lembra.
Mais cando abre os ollos pensa que igual algúns soños si que se teñen, a pesar da farmacopea toda. Porque a quen ve é ao subinspector Losada e a outro home. Ábreos de todo e decátase de que non é un soño. Que realmente están alí:
-Bo día, inspector, durmiches ben?
-Que carallo facedes aquí?
Hermida pon os ollos no fulano que acompaña ao seu subalterno. E a pesar de que cando toma tantas pastillas esperta algo aparvado, desta volta acordou absolutamente lúcido. Porque vén de decatarse de que xa sabe quen é esoutro policía que está con el. É aquel home que estaba onte no despacho de Losada, os dous alí de festa rindo quen sabe de que.
Igual rindo del.
-Hermida, teño a honra de informarche de que quedas detido por pertenza a banda criminal, secuestro de menores e tráfico de seres humanos.
Losada di todo isto sorrindo.
-Pero que clase de parvada é esa? -di, incorporándose.
Losada ensaia un riso amplo que reprime, pero que esboza e, daquela, que informa con claridade do ben que o está a pasar:
-Iso cóntasllo ao xefe Alonso, ao teu grande amigo, na comisaría. El mesmo me chamou para dicirme que había restos teus por todas partes na casa dun tal Alberto que sen dúbida debes de coñecer moi ben. Incluso pode ser que o matases e todo.
Hermida non dá creto ao que escoita. Que o xefe Alonso dixo que? E ten un cento de preguntas que facer. Mais non lle dá tempo. Porque o que lle cae enriba é un tsunami de pura ilóxica.
-Incluso, criminal cabrón, apareceu alí a túa pistola.