-Vostede si que tivo que ser unha muller sufrida.
-Sufrida eu? Ai, si, señora, si que é verdade, esta miña vida, se eu lle contara... daba para moitos libros onde relatala. Óuzame isto que ben pode que veña ao conto: de boas a primeiras, cando eu era pequena, fináronme os pais e quedei ao coidado dos meus avós. Ao pouco tempo van e falécenme os dous, co cal xa non tiven nada co que contar. Aínda así daquelas casei moi nova, pois éralle ben guapa, para non estar soa, mais por non perder o costume, morreume vestido o marido un ano despois nun accidente do traballo, pero en troques foi quen de deixarme unha filla de meses aínda dentro da barriga á que logo tiven que manter mentres eu me facía cargo dunha granxa que antes coidaban el e a miña sogra, unha señora viúva, que era quen podía botarme unha man en algo. Foille agora a primeiriña en indisporse, polo que por se non fora pouco tiven que coidar tamén dela. Así que eduquei á miña filla e neta súa, mentres coidaba dela pero logo cando, a nena tivo a súa maioría de idade, pegoulle un rauto e vai e emígrame a Francia, como todos os da aldea e non pense que botou moitos anos fóra, coma os demais, pois non, non. Ao pouco vólveme casada xa pero a pobre non chegou a ter fillos, pois colleume alá unha mala purgación desas que non se sabe de onde proveñen e veume á casa media morta para recuperarse dela. E malia que eu tanguín o que puiden porque os médicos non souberon pórlle remedio bo algún, non se demorou un ano en espichala e o can e mala persoa do meu xenro tivo que pórse á fronte dun negocio familiar de ultramarinos no que eu me metera cos cartos que boamente fun aforrando ao longo da miña vida e, cada vez máis, aquilo foi indo a menos, co cal fun eu quen caeu finalmente aqueloutrada, botando meses enteiros no hospital, dunha enfermidade que probablemente me transmitiu alguén, da que recuperei grazas a Deus, pero agora sonlle unha xubilada por achaques coma outra calquera...
-Vostede tivo que ser realmente unha muller admirable...
-Ai, se eu lle contara toda a miña vida...
José Rodríguez Rodríguez (Xinzo de Limia, 45 años) está desempregado.