Son unhas señoras, se me permiten vostedes o comentario, especialmente elegantes, que se reúnen a última hora da tarde, mentres se achega a Ferrol a noite, para tomar café nun establecemento da rúa Galiano, polo xeral sentadas á mesma mesa na que unha vez (que xa é, tamén, casualidade) lle sentín contar a Luis Landero, tras recitar uns versos do Romancero Gitano e lembrar con certa nostalxia a súa época de guitarrista, que, durante unha visita súa aos Estados Unidos, unha lectora, convencida de que era García Lorca, lle preguntaba unha e outra vez qué quería dicir con aquilo de «verde que te quiero verde», sen que el soubese moi ben qué contestarlle. Elas e máis eu saudámonos sempre, como é natural, cando coincidimos nese lugar, no que resulta especialmente grato dedicarlle uns minutos de sosego a algún bo libro mentres remata a xornada e o té perfuma o aire. Pero a verdade é que, ata o xoves, xamais conversáramos. Fixémolo ese día, cando unha delas me preguntou, sorrindo, por qué razón sempre lles chamo iso, señoras, e se tan maiores me parecen. Ao que eu lles respondín que ese tratamento, no seu caso, nada ten que ver coa cronoloxía, e que, ben ao contrario, obedece ao fondo respecto que me merece quen, pola súa maneira de habitar o mundo, vén sendo a cada instante o mellor dos espellos desa educación exquisita que fai que a vida de todos sexa máis agradable, e que é unha das columnas sobre as que a civilización se asenta. Acabamos falando das estrelas do ceo e dos barcos.