Víronse por primeira vez parados en senllos coches (un de deseño italiano como o que agasallaban no antigo programa musical e televisivo Operación Triunfo e o outro da marca francesa que pilotara Alonso nos circuítos de fórmula 1, diante dun semáforo en vermello, nun cruzamento enfronte da estación de trens desde a que partían e á que chegaban os convois de todos os destinos xeográficos, mais de ningún biográfico.
Chiscáronse un ollo cun «clic» como quen fai unha foto dixital para a conservar na memoria mol do disco duro cerebral. O semáforo fíxose ecoloxista e mudou de cor como un camaleón. Nunca máis se volveron ver. Pasou case unha lexislatura até que se atoparon de casualidade outra vez na fiestra de Internet.
Ficaron atrapados na rede (de arañeira ou mariñeira, como dous insectos ou dous peixes) e comezaron a chatear.
Logo, pasaron das palabras escritas ás ditas e substituíron a pantalla do computador polo auricular dun teléfono móbil de última xeración.
A sintonía foi total, como a de dous instrumentos que se acoplan nunha harmoniosa melodía. Coas conversas, as noites transformáronse en madrugadas case até que alborexaba. Restábanlle horas ao sono que despois precisarían mentres traballaban polo día. O azar quixo que viviran na mesma área metropolitana, a rentes da area da praia.
Decidiron coñecerse un domingo de verbena na bisbarra. Cando chegou o Renault, aparcou casualmente ao pé dun Fiat. Quen o conducía agardou fumando no seu interior.
Ao facer acto de presenza a súa cita, confesoulle que o que estaba aparcado ao seu carón era o coche que posuía. Chovía miudiño como no poema de Rosalía e a chapa «suaba» pinguiñas que relucían.
No campo da festa tomaron algo, escoitaron a orquestra e case non parolaron nin bailaron. Despois, cambiárono pola pista dun pub no que tamén tomaron algo, escoitaron o DJ e case non parolaron nin tampouco bailaron.
Chegada a hora da retirada, cada un foi para a súa casa.
Non se gustaran. Non volveron falar nin quedar. Como nun verso de Pepe Hierro: «Todo fue nada».