Os sinais de tráfico provisionais foron colocados sobre uns cubos forrados cun material plastificado. Os veciños, nos últimos días, optan por empregalos como papeleiras, de xeito que no seu interior mestúranse paquetes de tabaco, bolsas de patacas fritidas ou folletos de publicidade enlamados nunha capa negra moi húmida que parece sobrevivir dende a última treboada. As primeiras raiolas do sol da mañá impactan xa contra as fiestras do edificio, tentando atravesar os ocos da persiana do cuarto esquerda. Detrás daquela ventá dorme Aurora P.?G. Cando esperta, escoita nalgún recanto do seu cerebro:
-¿Está cansa de usar coitelos que non cortan? ¿Está farta de que uns coitelos desafiados arruínen unha cea especial? ¿Frústralle pasar tanto tempo preparando unha comida? Presentamos un novo conxunto de coitelos, cunha folla tan potente e afiada que ata corta unha piña no aire. Un deseño tan extraordinario que emprega un sistema de control para picar, cortar e tallar do xeito máis rápido.
A voz apágase lentamente, coma os acordes agónicos dunha canción que se perde pouco a pouco no silencio da mañá. Aínda adurmiñada, Aurora P.?G. érguese da alfombra do dormitorio, pero sen poder ocultar a sorpresa que lle suscita aquela visión. A cama está sen desfacer. Sorrí estrañada, pero non tarda en comprender o que ocorreu. Avanza polo corredor e chega á cociña. Alí está o monstro. Andrés Carracedo Sánchez. 45 anos. Obreiro da construción. Habitual inhalador de sílice cristalina en operacións diarias de corte e desbaste en seco. Motivado polo seu avanzado estado etílico, incapaz de rematar un prato de callos á unha e media da madrugada anterior. En consecuencia, debruzado sobre a mesa da cociña e totalmente durmido.
Aurora P.?G. volve escoitar na súa cabeza:
-Os coitelos sempre permanecerán afiados grazas á súa revolucionaria folla. Cada vez que prepare carne asada ou polo, obterá un corte perfecto. Simplemente perfecto.
Aurora P.?G. regresa ao dormitorio e abre a fiestra sen facer demasiado ruído. Pensándoo mellor, xa limpará máis tarde. Ademais, a colcha da cama está perfectamente adherida ao colchón: nin unha soa engurra. Agora ten outro tipo de urxencias. Xa no comedor, unha vez pasada revista aos fíos das alfombras, entende que debe iniciar os preparativos da operación. Estende a colección de coitelos Miracle Blade III sobre a mesa do comedor e admira aquela fermosa estampa. Por un momento lembra esas imaxes dos informativos, tomadas pola policía, que amosan materiais incautados aos terroristas. Pistolas, explosivos, móbiles, matrículas falsas. Pero aquel que ten diante é o seu arsenal privado. Nada pode provocarlle maior felicidade. Nove armas: coitelo de usos múltiples, para cortar en rodas ou en rebandas, para picar, para costeletas, para filetes, para pelar. E unhas tesoiras. para tallar polo.
De novo entra na cociña. Andrés C.?S. continúa durmindo coma un saco inerte, agora cos brazos estirados ao longo da mesa. Move lixeiramente os beizos. Nalgún momento da noite derramou no mantel un vaso con restos de viño. No chan hai algúns garavanzos aplastados. Aurora P.?G. abre o armario da terraza e coloca coidadosamente o mandil. Deixa o coitelo das costeletas sobre o mesado máis próximo ao vertedoiro e achégase ao seu marido.
Chega o momento agardado.
Ao coitelo de usos múltiples correspóndelle a primeira ofensiva.
Rápida e sen concesións. Unha operación perfecta.
Andrés C.?S. boquexa coma un peixe.
O sangue ascende polos brazos de Aurora P.?G. mentres fende o pescozo do monstro.