Aconfusión reinante neste raro tempo de farsa, no que pasa por gran espectáculo ver berrar coma descosidos (ou comer no chan tirados a lastre) a eses personaxes que poñen sombreiro co pixama e levan gafas de sol día e noite mentres compiten para ver quen é capaz de durmir máis semanas entre as mesmas paredes sen facer xamais a cama, é sen dúbida a maior culpable de que pasen por verdadeiros creadores os que non crean outra cousa que as súas máscaras. E por ser hoxe domingo, ímonos saltar os exemplos, tamén neste caso, de presuntos actores e actrices que van acumulando méritos non precisamente na pantalla, de supostos cantantes capaces de facer que no medio do deserto chova toda a tarde e de autoproclamados xenios das artes plásticas cabreados porque non sabemos ver o verdadeiro valor dos seus disparates. É certo que os grandes creadores van, coa súa linguaxe, moito máis lonxe do que son capaces de recoñecer a maioría dos seus contemporáneos. Se cadra, o que fai algún deses nos que vostedes están pensando é infinitamente máis importante que as torres das catedrais. Pode ser, aínda que non pareza probable. De todas maneiras, algúns seguimos pensando que a arte é irmá da beleza; que debe saber conmovernos; e incluso que ten que indicarnos o camiño da eternidade. Porque a verdadeira creación remite ao inexplicable. Ao que é infinito. Ou ao que, como Sofía Loren, que dorme sen apagar a luz e está máis fermosa cada día que pasa, habita xa os segredos da inmortalidade.