Entrevistable

SOCIEDAD

Quizais estea eu tamén hoxe equivocado, e probablemente terán vostedes información máis fiable. Pero agora mesmo non consigo recordar que se lle fixese a Papá Noel entrevista ningunha. Desde logo, se algunha se lle fixo, non a vin publicada. Cousa que non deixa de ser unha lástima, sobre todo tendo en conta a atención que tantas veces se lle presta a quen non o merece nada. A el, ao señor que durante a Noiteboa reparte regalos, non o vin xamais, teño que confesalo (si teño visto, en cambio, aos Reis Magos, que se parecen bastante a como adoitan aparecer debuxados, excepción feita dalgúns detalles, como o que atinxe aos seus dromedarios, que superan en altura o que de costume imaxinamos; pero en fin, que non nos saian ramas este domingo, volvamos ao que estabamos falando...). Se eu vise a Papá Noel, por exemplo, o venres que vén, pasar por riba do Coto de Marraxón, conducindo o seu trineo polo aire, e tivese ocasión de falarlle, creo que non lle preguntaría cal é a maxia que fai voar os renos, nin de que maneira entra nas casas que xa non teñen cheminea, nin como pode estar tan seguro de quén é bo e quén é malo. O que lle preguntaría é de onde saca as forzas, alguén tan xeneroso e polo tanto de corazón tan brando, para enfrontarse, ano tras ano, á frustración que sementa no fondo da alma saber que, por máis esforzos que fagas, case nunca lle podes regalar o que merece quen polos demais daría a vida enteira sen pensalo. Porque o certo é que quen vive para facer felices aos demais, nunca é quen mellor o pasa.