O mundo está cheo de fenómenos que non somos capaces de explicar, iso é indubidable. Vivimos envoltos no descoñecido, por máis que nos empeñemos no contrario. Por exemplo: imaxinemos que é vostede un condutor, como corresponde -nin sequera nos atreveríamos a insinuar o contrario-, que non só respecta sen excepcións as normas de circulación en vigor -iso xa o damos por sentado-, senón que ten por costume comportarse, ao volante, coa mesma urbanidade da que fai gala en calquera outro lado. E partindo desa premisa, imos imaxinar tamén que nun momento de debilidade, cousas do estrés, vai vostede e, ademais de botarse a xesticular coma un energúmeno, se pon a facer soar o claxon, entolecido, porque o semáforo está verde e o coche de diante non dá arrincado. Pois non teña nin a máis mínima dúbida: vai comprobar, de inmediato, que quen ocupa ese automóbil é esa elegante nova veciña súa (imos utilizar ese adxectivo, elegante; se quere poñerlle algún outro xa llo engade vostede sobre a marcha) á que levaba meses procurando caerlle simpático. A partir dese instante, comprenda que non paga a pena seguir molestándose: quedou como un verdadeiro mamarracho, e o mellor será admitilo canto antes, para renunciar a empeños que non o levarán a ningunha parte. Outro exemplo sería o que nos ocorre coas persoas ás que máis queremos. Parecemos estar posuídos por unha estraña forza que nos impide dicirllo con claridade. Ao mellor é por iso polo que a case todo chegamos sempre cando xa é demasiado tarde.