Devocionario

SOCIEDAD

11 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Teño hoxe que confesarlles que no meu particular devocionario está escrito con letras moi grandes, desde os anos dunha xuventude que marchou antes do que eu pensaba, o nome de Luz Pozo Garza. E que esa é a razón pola que cando o correo -e non precisamente o electrónico, senón o postal: o de sempre, o das cousas que poden acariciarse- me regala uns poemas seus, impresos sobre un papel dourado que trae consigo o aroma das mazás (aos que a poeta lle engadiu unha dedicatoria manuscrita e unhas estrelas delicadamente debuxadas), non poida deixar de emocionarme, de maneira que case asoman de novo lágrimas. Tiña a intención de falarlles doutra cousa, si, pero a esta hora xa estará máis que contada (oxalá non se equivoquen os que posúen o don da profecía, e esta noite, entre tantos posibles prodixios voadores, se encha ata de música de campás o ceo). Así que case prefiro non deixar pasar a ocasión de dicirlles que a min, coma a tantos outros, ao sentir os versos que nos chegan ao máis fondo do corazón («Agora durme como rei meu amado / baixo o dosel de encaixe que tecín cando nena»), se me aparecen, cando pecho os ollos, castelos que só na imaxinación existen, camiños que baixo a lúa conducen ás cidades soñadas pola tinta azul dun caderno, cabalos de aire, galos que son a lembranza dos mortos, barcas de pedra. Oxalá Don Merlín, mentres se acerca o centenario de Álvaro Cunqueiro, faga que os días de Luz Pozo sexan sempre primavera. E de paso, se pode ser, que lle axude a Villa a marcar xa no primeiro tempo.