O Grove premia a un macho de catro kilos e á femia «máis fermosa» As xornadas dedicadas a este marisco recuperan a tradición dos concursos
09 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.?s canons estéticos reprodúcense tamén nos centolos, e onte quedou patente no Grove: o macho mellor, canto máis grande; á femia os méritos vanlle en ser xeitosa e coas carnes ben repartidas. Catro quilos pesou o exemplar que acadou o título de «centolo maior da ría», presentado polo armador do Mascato , José Manuel Mascato Guillán. Gañou por grande e por peixudo, que ás veces tras armaduras espectaculares agóchanse farois (moita cuncha e pouca comida). Á «centola máis fermosa de Arousa», a «guapa», como se oíu por alí, non lle gañaba ningunha. Tal e como explicaba o seu propietario, Pablo Agrelo Bea, do restaurante Don Mexilón, o bo das centolas é que se prestan mellor para ser servidas no prato. O seu tamaño -quilo e medio- fainas máis alcanzables, pois non todo o mundo pode dar conta dun bicho de catro quilos por cabeza como fixeron Pablo e vinte máis na súa última centolada . A femia ten máis demanda. Na lonxa esgótase antes que os machos e colle máis prezo: doce euros o quilo fronte aos dez que se pagaban esta semana na rula grovense. Pero os que saben disto, e o alcalde Miguel Ángel Pérez presumía onte disto, aseguran que onde se poña un bo centolo que se quite a femia máis repoluda. Aínda que postos a ser exquisitos, hai quen afirma que o mellor é o centolo do limpo , que se captura en zonas areosas e que ten unha cor máis clara que o das rochas. Pero ante a dúbida de que che metan centolo francés, o cliente prefire que a cuncha estea tinguida co verde das algas. O que non se discute é que estas arañas de mar son as máis apreciadas no seu xénero. Tanto que no Grove ata lle dedican unhas xornadas gastronómicas específicas, que rematan hoxe. Para cando ten lugar a famosa Festa do Marisco, en outubro, o centolo aínda está en veda e hai que esperar a novembro para incluílo no menú. Trece exemplares O peculiar concurso celebrado onte ás portas do consistorio recupera unha vella tradición que empezou hai corenta anos coa Festa do Marisco e que levaba décadas sen celebrarse. O estreo foi tímido -presentáronse trece pezas de tres propietarios- pero suficientemente sólido como para ir pensando noutra edición. O que non se sabía onte era a quen lle ía tocar dar fe dos méritos gastronómicos dos premiados. Candidatos sobraban.