ENFERMO (ata onde se sabe) no seu cuarto do Hospital Militar de Santiago de Chile, Augusto Pinochet recibe unha atención a maiores dos coidados médicos e a lóxica preocupación familiar. Un feixe de incondicionais monta garda ás portas do centro sanitario para transmitir o seu alento ao xeneral, provistos de retratos, bandeiras e pancartas que rezan «Yo (corazón) Pinochet». Algúns son tan novos que non naceran cando o ditador deixou o poder en 1990. Pero quizais na súa presenza se atope unha explicación para a milagrosa recuperación do doente, que superou aos 91 anos un infarto. De ser así, entendería semellante fervor, de difícil comprensión. Ideoloxías á marxe, sorprende que os cidadáns anónimos saian en defensa de alguén cuxo golpe de estado sementou mortes, torturas e exilios. Algúns dos seus subordinados xa foron xulgados e condeados por estes motivos. Ademais, resulta cando menos pintoresca a estampa dos humildes avogando polos poderosos. Ante estas adhesións incuestionables non puiden deixar de lembrarme a eses habituais das portas dos xulgados e comisarías que matan o tempo libre insultando e zoupando ao detido do día, sexa estafador, caco ou inocente, como ás veces pasa. A dor das vítimas é comprensible, pero a falsa solidaridade da turba trae indicios preocupantes da nosa aptitude para enxuizar fría e imparcialmente. Será que aínda non esquecimos que fomos manda.