| O |
29 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.IMAXINEMOS un colar de perlas que unha man violenta esgaza e a súa acción espalla as alfaias ata afastalas unhas das outras, roubando á cadea o esplendor do conxunto. Así, un pode atoparse cunha destas xemas por azar e nalgún lugar inesperado. A sorpresa e a beleza brillan malia o esquecemento e soidade, pero non é ata que outro encontro casual con outra das pezas revela a idea do que algún día foi o requintado traballo do ourive, coñecemento ao que se chega por intuición e cun chisco de abraio. A partir de aí, a procura convértese en propósito e, igual que un buscador de tesouros, a suma das partes transfórmase nunha teima que dalgún xeito repare o dano inflixido a esa xenialidade. Se somos afortunados, hai veces en que coincide no tempo a visión de dúas ou máis destas alfaias. Agora é posible marabillarse ante un cadro de profundidade mítica e pintura engaiolante exposto na Fundación Seoane e matinar nas inxustizas da historia diante dun cartel a prol do Estatuto de 1936. Ambas as dúas obras levan a mesma sinatura, a de Camilo Díaz Baliño, e sofren a desventura dun exilio desmembrado a falta dunha visión ampla e que recoñeza o seu talento. O cazador adestrado saberá onde seguir enfiando o colar resgado: na portada dun libro, nos museos Carlos Maside ou no Provincial de Lugo, nalgunha outra mostra colectiva. O soño de todo explorador é dar coa trabe de ouro: unha exposición individual á altura de Díaz Baliño colmaría o final da busca.