Filosofía

SOCIEDAD

25 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

POLA tradición popular galega sábese que os mortos non se contentan con ser espectadores do mundo que deixaron atrás e mandan recado aos vivos cando teñen ocasión se ven algo que os incomoda ou sobre o que cren que teñen algo que dicir. Pero os habitantes do alén tamén falan por boca dos obxectos que por forza tiveron que abandonar e mesmo polas pegadas de memoria que persisten en quen os coñeceron. Por profesión, os arqueólogos dedícanse a escolmar eses vestixios e os demais tomamos os seus achados como base para fabular sobre a súa sorte e a vida dos seus antigos propietarios. Onte sóubose da aparición de tres bustos en Atenas, preto da Acrópole. Datados na época romana, un representa ao emperador Hadrián, un segundo a un sacerdote coa súa coroa de loureiro e un terceiro, ao filósofo Aristóteles. O responsable das escavacións apunta que esta efixie debía adornar a domus dun rico romano, polo que resulta inevitable preguntarnos polo papel que lle reservaban na residencia. ¿Sería o gusto dun refinado ou chegaría o grego a máis fogares dos que pensamos? O mesmo arqueólogo explicou que o busto aseméllase a outras copias que se difundiron pola Antigüidade e das que tamén se conservan restos. Polo visto, imitar o orixinal xa figuraba nas actividades dos nosos devanceiros. Teremos que preguntarnos polo que pensarán os arqueólogos do futuro cando atopen as nosas láminas impresionistas ou o cedé que nos gravou o cuñado. ¿Terán o rango patrimonial do busto de Aristóteles? Haberá que preguntarllo dende o alén aos nosos descendentes.