LUZ DE CRUCE | O |
04 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.NESTES tempos en que todo é susceptible de cuantificarse e de formar parte dunha táboa numérica, a última análise matemática das nosas vidas nos asusta co custe anual de ter fillos, non se sabe se coa intención de que nolo pensemos dúas veces ou para reclamar maiores axudas. En consonancia, a descendencia familiar planifícase igual que unha cuestión de Estado: cantidade de fillos, o momento idóneo para a súa chegada e os metros do piso que lles imos dedicar. Esta enxeñería doméstica padece, coma outra variable económica calquera, as tempestades financieiras que desembocan na política do fillo único. Ante este panorama, non podemos deixar de preguntarnos abraiados como se amañaban os nosos devanceiros para traernos ao mundo en anos de subdesenvolvemento. Claro que os cartos non son o único que se cuantifica á hora de exercer a paternidade. Tamén o tempo. Segundo publicou onte The Times , os pais de agora dedicamos máis minutos á nosa prole: 99 minutos de media diaria polos 25 de 1979 no Reino Unido, datos extrapolables a outros países europeos. Teremos menos fillos, pero queremos gozalos máis, semella que vén a dicir a enquisa. Pero toda cifra é susceptible de diferentes interpretacións. Quizais non é tanto que os nosos pais nos desatenderan máis que os de agora, senón que coñecían o valor da socialización do neno cos seus iguais. Traducido: máis rúa, máis xogo, máis liberdade. Agora hai moitos cativos a quen non se lles permite participar en actividades sen a mediación dun adulto. Nin tan sequera agatuñar. ¡Miau!