| O |
06 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.HAI luns en que o vexo, nun segundo plano, silandeiro pero eficaz, mentres Horatio Caine dirixe ao seu equipo de axentes do CSI no tórrido e criminal Miami. Non tarda en aparecer de novo. Un día máis tarde, aí está, asistindo mudo ás egocéntricas e brillantes explicacións do Doutor Gregory House. Non hai dúbida, non hai posibilidades de confusión. É o mesmo. Ningún actor daría un peso polo seu papel, carece de voz e hai ocasións en que podería confundirse co decorado. E, non obstante, consegue meterse en dúas das series máis seguidas en todo o mundo. Claro que el é todo un fenómeno global e mesmo conseguiu meterse no meu salón, a un metro escaso do televisor que lle dá a réplica como unha desas montaxes infinitas de espellos. Falo do flexo. Do flexo de IKEA que acae igual de ben nunha comisaría ou nunha clínica, nunha oficina ou nunha sala. Tal versatilidade semella merecente de eloxio, mesmo dun premio deses aos recursos da interpretación: non se pode dicir máis con menos elementos. ¿É o mesmo flexo que hai uns anos os seus creadores tentaban convencernos de que non tiñan alma e non debía doernos no corazón velos no lixo? Quizais se equivocaban. Ou quizais é esa mestura de desprendemento e renovación a que o levou a converterse en protagonista transversal de varias series. Cavilo nisto mentres se suceden os anuncios, na importancia do decorado nas nosas vidas, que tantas veces confundimos co guión, sobre todo cando buscamos o apuntador sen atopalo. Chegados a este punto, boto a man ao flexo e apago a luz.