DENDE ESCANDOI
25 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.SERÁ un destes días. Unha mañá calquera. Agora que o sol leva o horario cambiado e as primeiras flores, ese regalo, resucitan nas pólas das árbores. Entre as últimas penumbras da noite, coma nun rito gravado na eternidade, volverá aparecer aquel vello peregrino de longa melena branca que vén desde a Fisterra de Francia seguindo as estrelas. O do pano azul ao pescozo e os petos cheos de paxariños de papel colorado. Ese mesmo, si, que sabe os nomes de todas as herbas que curan, ou que parecen curar, as enfermidades do corpo e algunhas da alma ao cocelas en auga: o que di que incluso cando a escuridade envolva o mundo, nunca han faltar no firmamento luces coas que guiar aos camiñantes. Preguntará, de novo, non polos desvíos da calzada que leva a ese sepulcro que vén visitar desde a súa terra de calvarios de pedra e de santos amigos dos navegantes e amansadores de lobos-cómo se chega, ben o sabe; por onde anda aquí xa andou moito antes-, senón polos soños de quen atopa mentres vai camiñando. A el, viaxeiro de secreta identidade que parece saber o que tantos ignoramos, quizais ti lle preguntes qué esconde este estraño tempo de mentiras televisadas no que a verdade -e a dor dos que sofren- parecen non importar nada, un valor á baixa. E pode que el che conteste que o futuro non segue pasos marcados. (Talvez nese mesmo momento, mentres o sol asoma detrás dos montes, sentirase cantar, saudar ao amencer, un galo, con voz de esperanza. Quén sabe.)