DENDE ESCANDOI
04 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O HOME de ollos claros que debuxa soles e nubes nun caderno de gastadas capas de coiro, sentado ao pé da ventá de sempre, non escoita, en contra do que parece, a discusión da barra do café, esa conversa a berros que non lle interesa nada. Asente por cortesía, con aire distraído, dando a razón sen alzar a mirada; simulando, cun sorriso a medias que pode significar calquera cousa, que tamén el cre que no Madrid facía falta un cambio. Pero o seu pensamento, a estas horas, non está nun campo de fútbol, senón bastante máis cerca: na rúa na que, a través da vidreira, ve de novo esnaquizadas unhas letras de pedra que recordan -ou que intentan lembrar, modesta tipografía de mármore funerario- a un navegante de longa casaca que buscou polo mar, cun sextante, un mundo mellor; un mundo que, por certo, xamais deu encontrado. Este home, o que pinta coa estilográfica soles que teñen ollos e bocas, e ademais nubes que parecen ovellas saltando no aire, pregúntase a quén lle farán dano esas letras labradas en pedra, neste tempo que tan facilmente esquece aos que deron todo e xamais pediron nada: aos que nunca buscaron aplausos. E pregúntase ademais, preocupado, por qué hai cada vez máis xente que ten que vivir con medo: nenos que temen a outros nenos, vellos que se ven abandonados... (Se é certo, como afirma a lenda, que hai unha secreta columna sustentando o universo -dise o home da estilográfica-, oxalá non se estea caendo a anacos.)