DENDE ESCANDOI
18 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.CULTIVAN os dous esa antiquísima forma de maxia que pretende adiviñar o futuro e alterar as leis da física; unha nigromancia de natureza misteriosa que nada ten que ver coa prestidixitación. Vaticinan destinos felices a quen lles pregunta, espantan meigallos e buscan, sen éxito, metais ocultos. Ademais, tornan as nubes cando xa vai parar de chover e fan que os reloxos estropeados, se a avaría non é moi grande, volvan funcionar aceptablemente ben. Todo iso, por certo, de balde: porque como tamén din a coro, eles xa cobran os seus retiros, e a maxia non a exercen de oficio, senón por vocación. Pero non acaban aí as súas coincidencias: igual que se de almas xemelgas se tratase, son moi afeccionados a disfrazarse, gústalles con loucura que lles fagan fotos, e estrean bastóns, aneis e colares á mínima ocasión. E incluso, cando non andan en conversas coas forzas ocultas, ata se chaman Manolo os dous. O peor é que agora están enfadados. Creo que non por discrepancias científicas -mantiveron unha longa polémica arredor da suposta presenza de fantasmas nun antigo pazo episcopal, pero iso xa lles pasou-, senón por algo que non queren contar. Hai quen di que discutiron polos papeis dun tal Frei Bernardo, que en tempos de Felipe IV trataba en ánimas condenadas e fuxiu a Portugal para que non o queimasen. Outros aseguran, en cambio, que foi por unhas gafas de sol. (En fin, quén sabe. ¡Tampouco é cousa de botar a voar a imaxinación...!)