Vivos e mortos

CAMILO FRANCO

SOCIEDAD

Os xogadores estaban vivos, e os escritores, mortos. Na noite fundacional da identidade futbolera branquiceleste a selección galega de fútbol corría sobre a herba aquí e acolá e a selección galega de escritores descansaba en paz sobre a bancada. Os chavales, como o turrón, foron volvendo a Galicia por Nadal, procedentes dos equipos máis dispares do mundo. Os escritores que formaban no libro que a consellería regalou no partido foron convocados directamente do máis alá, espazo que é certamente o único no que Galicia pode ser independente e republicana sen que ninguén se moleste. En Galicia os mortos están moi valorados e tamén hai que entendelo: ata hai pouco votaban. Nisto os galegos somos claramente superiores ao resto dos indíxenas do terceiro mundo: un galego morto ten dereito a votar, pero un chinés vivo non. Con ou sen economía emerxente. Quizais por iso a reverencia funeral con que, a cada pouco, sacamos a pasear aos nosos mortos e lles damos a oportunidade incrible de que estean calados por toda a eternidade. Por iso, quero supoñer, e por aquel vello asunto de que a morte iguala democraticamente a todo o mundo. Eu non estou tan seguro. Ao cabo, dirán, é cuestión dunha paciencia que un futbolista non pode ter: esperar á luctuosa noticia da desaparición e pasar seguidamente ás antoloxías. Entretanto, vai ser necesario ampliar o panteón de galegos ilustres.