DENDE ESCANDOI
26 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.SENTADA á beira da ventá, ás veces cólleche a man e quédase mirando, sen dicir nada. Xa non lembra cómo te chamas, pero ti sabes que dalgunha maneira, entre a néboa dos recordos borrados, te recoñece; que se emociona, aínda que cale. Sábelo polo brillo dos seus ollos, porque lle asoman as lágrimas. E pola man, porque non quere soltala. A súa memoria, coma nun estraño calendario, foi borrando primeiro os anos máis próximos, o aparentemente cercano, e despois marchou con ela a un tempo que xa non existe: a un mundo no que quizais creu ser feliz, ou que alomenos non lle fixo tanto dano. Hoxe lembra, sobre todo, cando sendo case unha nena empezou a poñer escola nunha aldea á que só se chegaba a pé ou a cabalo. Pero certamente non todos os seus recordos da xuventude son iguais: lembra as cancións, os recados secretos e as cartas; mais tamén a fría tormenta detrás dos cristais, o ouveo bravo do lobo na escuridade e a desesperación daquel inocente do que se dicía, nunha montaña sen médico, que o espírito dun aforcado lle estaba roendo a alma. Durante medio século, de escola en escola, ensinoulles aos nenos, ademais de a ler e a escribir, que berrar non dá a razón, que ninguén ten dereito a ferir a outro, que coidar dos indefensos é unha obriga, que a calumnia é un crime desprezable. Xamais pediu nada para si. Nela non hai máis que xenerosidade. Dedicou todos os seus días, unha vida enteira, a preservar a civilización: a salvala da barbarie.