AS PALABRAS evocan sensacións moi diferentes para cada un de nós. Champán , cunha pronunciación axeitada, trae consigo unha suavidade sedosa, as sedutoras cóxegas das burbullas e as promesas das miradas que se sosteñen nun brinde que anticipa pracer e unha agradable desorde. Claro que se mudamos os acentos podemos obter un champán que ao abrilo ceiba un inequívoco espírito festivo. A min resúltame máis atractiva a primeira enunciación, pero entendo ben aos que queren empezar unha celebración do disparo dun tapón. Por iso chama a atención un pequeno detalle que se pode apreciar nos podios da fórmula 1: o champán que se botan por riba os pilotos campións xa vén sen a cortiza. O que lle quita boa parte do mérito, ao meu ver. Será para evitar que se atasque, argumentan os precavidos. Moita química debe de ter para que non perda o gas, sospeitan os escépticos. Pode ser. Pero esa ausencia, que semella anecdótica, contén un escamoteo, o do son da felicidade, que deixa a celebración incompleta. E así nos está pasando en moitas cousas: déixannos xogar coa escuma, pero non chegamos a oír o estoupido do xúbilo porque nolo quitaron antes. Non vaia ser que nos fagamos dano. Ou que apuntemos co tapón cara a algún sitio non desexado. E a escuma esváese, perde forza, desaparece ata deixar unha bebida tépeda que nin calma a sede nin satisfai os sentimentos. Realmente, sabe a pouco premio para tanto esforzo, nas carreiras e na vida, se é que non se trata do mesmo.