THE TIMES de Londres é toda unha referencia nas vellas tradicións inglesas. Quizais por este motivo conta cun popular consultorio sobre cuestións de etiqueta e bos modais. Ás veces sorprenden máis as preguntas que as respostas. Como a dunha muller que inquiría como espelir con educación ao condutor que quedou pasmado no cambio do semáforo de vermello a verde, sen que o aludido se sinta agraviado. Unha dúbida razoable e necesaria, tendo en conta o balbordo que se monta nos cruces cando un comete o pecado de non acelerar no medio segundo que sigue á apertura do tráfico. En todo caso, esta querencia nosa pola bucina demostra unha cuestión que, de tan cotiá, apenas se valora: estar detrás dun volante é comunicarse igual que coa voz, os ollos ou as mans. De feito, a nosa seguridade depende en boa medida de interpretar correctamente as intencións dos automóbiles veciños de deixar claras as nosas. Visto así, na estrada maniféstanse tanto os que son mudos como pedras e nin se molestan en indicarnos os seus xiros coas intermitencias, como os hipercomunicativos que adoecen por pitar co claxon e cegarnos con ráfagas de luces que non fan máis que intranquilizarnos. De volta a Londres, un verán adolescente quedei atrapado nun atasco e decidín baixar do autobús e camiñar. Ao lonxe escoitábase o himno punk Anarchy in the U.K ., toda unha metáfora daquel colapso. Só que a música saía do aparello dun carísimo descapotable.