Socialista en terra popular, turista en Sanxenxo e lector de cómics; tan bo tipo é, que iría de cañas co inimigo político. «Paco Cacharro, de farra, é moi simpático», xustifica
24 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Ía para cura e terminou no PSOE, de alcalde de Lugo. Cousas da vida, que ten moita este señor: Xosé López Orozco (Foz, 1947). Dentro de tres días comezará o seu veraneo, coma sempre, nunha fermosa vila pontevedresa que nestas datas se ateiga de beautiful people. -Xa me explicará que fai un socialista veraneando en «Sanjenjo», perdón en Sanxenxo... -Calquera ser humano con sentido común que coñeza as Rías Baixas tense que namorar delas. Levo indo alí en verán coa familia 28 anos, fundamentalmente polo sol, que para min é medicinal. -Refírome ao tipo de xente. -Hai unhas persoas extraordinarias en Sanxenxo. Teño alí uns amigos cos cales comparto mantel, tertulia, praia... Disfruto moito. -Xa que fala desas persoas extraordinarias. Alí, moi pretiño, no Grove, veranea o presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro Pardo, do PP. Cando coinciden, ¿quen paga as cañas? -Nunca nos atopamos, salvo nunha ocasión hai vinte anos. Daquela coincidín con el e con Cuíña. Fíxenlles unha fotografía, claro. -¿Pero iría de cañas con el? -Home... Si, si, porque eu teño contacto con el. Non tería ningún inconveniente. Ademais, Paco Cacharro, de farra, é moi simpático. -A esquerda pedindo a xornada laboral de 35 horas e vostede traballando de sol a sol. ¿E iso? -Cando se fai a gusto, o traballo non é unha carga, senón unha responsabilidade e unha sorte. -Contan que leva un récord de vodas como oficiante. ¿Para cando a primeira dunha parella gai? -Tan pronto estea permitido pola lei. Ademais, estarei encantado de celebrar esa primeira voda. -¿Gústanlle os cómics? -Encántanme. Moitas veces descanso e podo durmir ben soamente se me deito lendo cómics, fundamentalmente Mafalda. -Logo lembrará o clásico de Goscinny e Uderzo, aquel da aldea sitiada polos romanos. Aquí, nesta cidade bimilenaria, rodeado polo imperio do PP, ¿non se sente como Astérix e Obélix? -De vez en cando, si que me sinto un pouco como Asterix e Obelix, ou como en Fort Apache. E así o digo. Pero non hai problema ningún porque a muralla ten dez portas e todas están abertas para entrar e saír con facilidade. -Din que anda por aí cunha libretiña negra enriba todo o día. Iso soa un pouco ao famoso caderno azul de Aznar, ¿non? -Non, é o caderno negro de Orozco. Aí apunto as deficiencias que vexo, críticas dos cidadáns... -Xa que logo, de aspiracións presidenciais, nada de nada. -En absoluto. O que máis me gusta é ser alcalde, cumpre toda a miña aspiración política. -Esta é a única cidade galega con duques, os de Lugo: a infanta Elena e seu marido. E van eles e casan en Sevilla. ¡Vaia chasco! -Aquí non sentou mal iso porque eles están moi próximos á cidade. O da voda foi unha decisión que tomaron eles e nada máis. É un orgullo que leven o noso nome. -Outra contradición: tanto que presume vostede da muralla romana, e vive fóra dela. -Si, pero moi preto. E o meu soño sería vivir entremurallas. -Un Pepe mandando na Moncloa (Zapatero), outro na sede central do partido (Blanco), outro en Santiago (Bugallo) e outro en Lugo, vostede. ¿Non lle terán que cambiar de nome a Touriño para chegar á Xunta? -Non, non. Touriño vai gañar as eleccións porque está axudado por moitos Pepes.