SÓ CON pronunciar o seu nome sentíamos a vitalidade do optimismo e a impaciencia por medrar. Parecía incrible que a estrada que pasaba por diante da nosa casa nunha vila pequena rematase na capital, onde nos imaxinábamos interminables avenidas e os monumentos dos que presumían as postais que trouxeran os pais da súa lúa de mel, unha viaxe tamén de promesas e esperanzas. «¿Como se chega a Madrid?», preguntaba algún veciño cativo. «É moi sinxelo. Esta é a N-VI: só hai que seguila sen desviarse e ao final estará Madrid». Meus pais non viaxaran en coche, fixérano en tren, descontando etapas nun daqueles billetes que se chamaban quilométricos. Moitos anos despois, a amizade e o amor propiciaron a miña escala madrileña. Ela vivía ao comezo da Ronda da Atocha. Íamos a ver os xardíns da antiga estación, dignos de admirar. Era emocionante o ascenso nos elevadores de cristal do Reina Sofía. Subsistíamos a base de menús económicos no Soidemersol e bocadillos, alegres de risa e cervexa, a mesma coa que festexamos a primeira Copa do Rei gañada alí mesmo polo Deportivo. Admiraba o misterio detrás de cada coche na noite, xiros veloces na glorieta, as vidas anónimas que me fascinaban. Aquelo rematou e agora é memoria. Mentres escribo, síntome unha pequena parte desa manifestación que percorre as rúas, demasiado minúsculo e desbordado para entender, para asumir. E por iso lembro aquelas postais infantís, aqueles días e noites, porque o único que se me ocurre é tratar de devolver a condición humana a eses lugares onde fun feliz. Que volvan os xardíns, que volva a cervexa, que volva a risa, por favor.