Galicia dispón do máis difícil para afrontar os retos das novas tecnoloxías da comunicación: recursos humanos e un «caldo de cultivo» propicio no ámbito da formación e do audiovisual. O que faltan son proxectos económicos que tiren e unha acumulación de centros universitarios e empresas para facelos viables. Son afirmacións de Domingo Docampo, catedrático de Teoría do Sinal e Comunicación da ETS de Telecomunicacións e rector da Universidade de Vigo, ó fío do seu libro Tecnoloxías das Comunicacións. Unha visión desde Galicia , editado por Xerais e presentasdo onte no Consello da Cultura Galega. -Matiza a visión positiva do impacto destas tecnoloxías na sociedade e a incidencia no futuro de Galicia cun «san escepticismo». ¿Cómo é iso? -Cando empecei a traballar neste libro era o verán do 2000, e dende aquela á primavera do 2002 ocurriron moitas cousas arredor das novas tecnoloxías, sobre todo no mundo bursátil. Así que analicei artigos escritos na época da burbulla, cando todo o mundo se subía ó carro con euforia, escritos por monxes dunha nova relixión, infoprofetas, infofanáticos e, en fin, o que eu chamo infofauna, para os que o máximo expoñente do éxito era a empresa Enrom e outra de menos sona dedicada ó transporte submarino de sinal, que tamén fracasou estrepitosamente. Así que sendo optimista e crendo no futuro, non renuncio a un san escepticismo. -¿Xustificanse os recelos? -Estes predicadores non axudaron moito, porque proxectos empresariasis sensatos poden virse abaixo polo efecto bursatil. Pero este parón tamén contribue a serenar as cousas, a que se reconduzan, e que empresas como Televés, que aposta con seriedade polas novas tecnoloxías a longo prazo, se afiancen no mercado tecnolóxico. -¿Que posibilidades ten Galicia nesta carreira? -Aquí non padecemos a burbulla porque tampouco a disfrutamos, agás casos excepcionais coma Inditex, que sen ser unha empresa de tecnoloxía da comunicación serviuse dela para aplicala a tódolos procesos de producción e distribución, e é todo un exemplo a nivel mundial. Pero hai futuro, aínda que Galicia non está nos niveis que debía en función das expectativas dos 90, porque se poden resolver cousas que quedaron obsoletas coma o telefonía rural, e porque ogallá se desenvolva con competencia a operadora R, que chega no momento oportuno. O pulo necesario non é só cousa do Goberno, senón de toda a sociedade, e temos un exemplo de avance extraordinario en Portugal. -¿Poden resolver o atraso de Galicia? -As novas tecnoloxías da comunicación non son suficientes, pero sí necesarias. É certo que somos a terceira comunidade autónoma pola cola en conexións con Internet e en liñas telefónicas, pero o fundamental é dar pasos, saltos cuánticos, porque as TIC non precisan pasar por estadios previos, e incluso os costes son menores que os doutras infraestructuras. -¿Que nos detén? -A falta de proxectos económicos e empresariais que tiren para adiante e a concentración de centros universitarios, recursos de investigación e empresas, que están espallados. -¿Que aporta este libro? -Aguilloar o debate, que outra xente se posicione e tome conciencia. E sobre todo describe a situación para a xente do común.