José García Martínez, de 85 anos de idade, foi localizado pola asistente social ca cara e a cabeza queimada polo incendio que puido provocar un interruptor estropeado
14 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.O sol morno da mañá comezaba a desface-la forte xeada caída na noite anterior en Vilasal, Tordoia, cando unha empregada municipal de axuda a domicilio daba a voz de alarma: a porta da casa de José García Martínez, un ancián de 85 anos, continuaba fechada. Despois de penetrar na vivenda, os veciños encontraban o corpo ermo do seu único inquilino. A historia volvía a repetirse: a xuíz, a forense e a a Garda Civil levantaban acta dun drama que, coma tantos, viaxa anónimo cara as frías páxinas de sucesos. Todo apunta a que a deficiente instalación dun interruptor, que se encontraba próximo á cama, foi a espoleta que desencadeou o desastre. Para acceder ata a aldea de Vilasal, na parroquia de Anxeriz, hai que entrar por unha estreita corredoira asfaltada que morre ó pé das casas. Ó chegar, o impresionante silencio non fai presaxiar a traxedia acontecida poucas horas antes. O cadáver do ancián viaxa xa cara Santiago, para ser sometido á preceptiva autopsia. O fotógrafo conxela coa súa cámara dixital a casa desgastada, mentres unhas vacas pacen alleas, case resignadas. A roupa tendida que se ve polas fiestras abertas é a única testemuña de que alí houbo vida. A pouco máis de cincuenta metros, unhas mulleres de idade inconcreta están debruzadas sobre un lavadoiro. Non queren dicir nada. Calan. Outra muller mira disimuladamente pola tímida abertura da porta. O coche vai deixando atrás as casas. ¿Como contar en tan poucas liñas este tempo terrible de vellez e soidade, de cemento e uralita?. Dende aquí, dende Vilasal.