«Agardo que sexa unha exposición incómoda», afirma a autora sobre a súa exposición
18 sep 2025 . Actualizado a las 04:50 h.Ata o 31 de outubro • Igrexa da Universidade • De 11 a 14 e de 17 a 20 horas • «Agardo que sexa unha exposición incómoda, que a persoa visitante marche removida por estas imaxes que falan de distintos tipos de abuso, pero sobre todo dos máis próximos a nós». Así explicaba a artista Amabel Míguez de la Sierra o obxecto da súa exposición «Abuso».
Inaugurouse este mércores nun acto no que a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, salientou os tres roles «que aparecen claramente na montaxe: a seguridade ou inocencia coa que vivimos, o abusador e a persoa cómplice». Para Murias esta mostra, coa que arranca o período expositivo do Outono Cultural, é «unha aposta moi acaída nestes tempos de abuso».
A creadora presenta, nesta ocasión, unha obra de 21 pezas en papel, maioritariamente debuxo, en ocasións de gran formato, que lle permite combinar unha técnica tan basal como é o debuxo cun tratamento temático e compositivo orixinal. «A sociedade actual parece rexerse pola lei do abuso, que se manifesta en situacións de todo tipo que non sempre son entendidas como extralimitación ou exceso».
A reflexión de Amabel Míguez de la Sierra colle forma nesta ocasión nos máis evidentes abusos á infancia, ás veces pouco disimulados nas relacións de poder ou mesmo sexuais, así coma nos sociais. Míguez, nunha senda ás veces perturbadora, irónica e pouco amable, pon en evidencia as contradicións sociais que se esconden nun comportamento visto de xeito habitual como socialmente correcto.