A Banda Municipal de Música de Santiago inicia o terceiro ciclo de «Postais»

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

O primeiro concerto, o xoves 30, será na Catedral baixo o título de «Lembranza», en homenaxe a Dani Portas, trombonista falecido en febreiro pasado

24 may 2024 . Actualizado a las 04:50 h.

«Propoñemos en cada concerto unha viaxe a algún lugar do mundo a través da súa música, que se pecha coa volta a casa cunha proposta de música galega». Con este propósito presentou este xoves a concelleira de Cultura, Míriam Louzao, o que será o terceiro ciclo de «Postais», o programa de concertos da Banda Municipal de Música de Santiago. Serán nove propostas ao aire libre que comezarán o próximo xoves, día 30, e terán continuidade ata o 27 de xullo.

O primeiro concerto, o do xoves, será na Catedral baixo o título de «Lembranza», en homenaxe a Dani Portas, trombonista falecido en febreiro pasado. Louzao, que estivo acompañada na presentación polo director da Banda, David Fiuza, destacou a «cooperación e sinerxias» da formación compostelá con diversas institucións neste novo ciclo, como as Xornadas de Música Contemporánea de Compostela, a Agrupación Folclórica Colexiata de Sar, as agrupacións Escolanía da Catedral e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, entre outras, e un amplo elenco de convidados.