Compostela, o plató de cine de Galicia

borja casal SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

A profesora Yolanda López vén de escribir un libro sobre as rodaxes cinematográficas en Santiago e a relación de distintos directores coa cidade

31 may 2021 . Actualizado a las 22:56 h.

A maxia de Santiago non só a coñecen os picheleiros. Tampouco é ningún segredo para os peregrinos que chegan ao Obradoiro nin para os estudantes que viven a cidade máis alá das aulas universitarias. E todo iso non se lle escapa ao mundo do cine, tal e como demostra Compostela no cinema, o libro que vén de publicar a docente universitaria Yolanda López, coeditado por Guiverny e o Consorcio de Santiago.

Na súa publicación, López percorre a historia audiovisual que esconde a cidade a través das distintas rodaxes que se teñen feito nela e tamén incorpora distintas entrevistas con cineastas que a filmaron. Entre eses realizadores destacan algúns ben coñecidos no audiovisual galego como Antón Reixa (O lapis do carpinteiro, 2003), Jorge Coira (18 comidas, 2010) ou os composteláns Fernando Cortizo (O Apóstolo, 2012) e Alfonso Zarauza (Encallados, 2013).

«Moitos deles rompen con esa idea de cidade turística. Aí está, por exemplo, Zarauza con A noite que deixou de chover», sinala a autora do libro. Nas súas obras aparecen lugares ben coñecidos como a praza da Quintana, os escaparates do Franco, Bonaval ou a Alameda. «A identidade da cidade latexa nos seus filmes», engade López.

Ese cinema máis alternativo é o que a docente distingue como «o da cidade transitada». É dicir, aquel que versa sobre outras historias que se saen fóra das outras dúas categorías que inclúe no libro: a dos filmes ligados á literatura galega -como Trece badaladas (2003), sobre a novela de Suso de Toro- e o das historias sobre o Camiño de Santiago.

A autora de «Compostela no cinema» entrevistou distintos directores que filmaron en Santiago
A autora de «Compostela no cinema» entrevistou distintos directores que filmaron en Santiago XOAN A. SOLER

«A cidade ten moitas vertentes e todo iso permite filmar historias moi distintas. Durante un tempo estivo a idea de que Compostela era a de La casa de la Troya, pero no século XXI hai un cambio de paradigma e todo muda», explica Yolanda López, que reivindica a materia literaria galega como fonte da que beber.

«Aí está Crime en Compostela de Reigosa ou O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas. Este último foi un dos primeiros que empezou a falar da Falcona, que é o cárcere que houbo nos baixos de Raxoi. Cando se rodou o filme case ninguén coñecía ese espazo», conta a escritora. E na rodaxe, lembra, o interior filmouse no mesmo sitio, pero logo hai outra parte que se fixo en San Paio de Antealtares. «A maxia do cine», resume.

En canto ao Camiño, non son poucas as producións que teñen a ruta xacobea como protagonista, tal e como reflicte o libro. Exemplos dalgunhas desas obras son O final do Camiño (Voz Audiovisual, 2017) ou a recente 3 Camiños (Amazon Prime, 2021), esta última financiada en parte pola propia Xunta ao fío da promoción do ano santo. Alén destes proxectos, Yolanda López asegura que outros tantos poderían aproveitar o valor da peregrinación como unha especie de road movie en si mesma, mais para iso cómpre resolver algúns problemas de cara á realización.

«Sen ir máis lonxe, para rodar na Catedral hai certas dificultades segundo a produción», di a autora. O propio Antón Reixa explica na entrevista que inclúe o libro (eses diálogos, di a autora, son unha das partes máis destacables do volume) que o Pórtico da Gloria que aparece na súa adaptación de O lapis do carpinteiro e que imaxina o personaxe de Camilo Díaz Baliño foi filmado a partir dun decorado que fixo o propio Díaz Baliño, xa que non puideron rodar no real, dixo o director, por veto da curia.

Anuncios publicitarios

En canto ao papel que xoga o audiovisual como motor económico e promocional, Yolanda López pon en valor o traballo da oficina que xestiona as rodaxes que se fan na cidade (Santiago Film Comission), un tipo de departamento máis recoñecido nas grandes cidades. «Aquí é unha figura que pasa algo desapercibida, pero que é fundamental para unha boa organización e para impulsar un efecto chamada», subliña a autora de Compostela no cinema. E para efecto chamada o que conseguiu un anuncio de coches coreanos, conta a autora, que se filmou nas rúas da cidade e que trouxo unha chea de peregrinos desde o país asiático.

A publicidade e os videoclips, por tanto, son outra saída máis para as rúas da cidade, mais xa só co cine en si mesmo hai posibilidades abondo para a capital galega. «Santiago é o lugar onde máis se localiza de toda Galicia. Na Coruña filmouse aí atrás O descoñecido e logo está Ourense con A esmorga, que se desenvolve na cidade de Blanco Amor. Salvo eses casos, case todo o resto queda aquí», matiza a docente.

E de cara ao futuro? Pois as historias que quedan, opina a autora do libro, son moitas. «Faltan moitos Santiago por escribir! O Ensanche, a vida universitaria ou as dúas Marías son pezas que aínda están por filmar», conclúe.