«Non somos conscientes da riqueza organística de Santiago e a súa historia»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Xoán A. Soler

Andrés Pazos destaca que a cidade foi referente na construción dos instrumentos para o Noroeste

18 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dezasete órganos acubilla actualmente Santiago, activos ou silentes. «Non somos conscientes da riqueza organística que hai nin da súa historia. En Compostela houbo organeiros moi importantes. Desde o século XVI ata finais do XIX había unha actividade importantísima, que non só atende aos instrumentos de Santiago, senón do resto de Galicia e incluso o norte de Portugal, Asturias e parte de Castela e León. Por exemplo, os que fixeron os de San Martiño Pinario tamén traballaron na catedral de Oviedo. Non só hai un ben material, que son os propios órganos, senón tamén unha historia moi potente», destaca o musicólogo Andrés Díaz Pazos, que onte guiou un itinerario para coñecer os instrumentos da igrexa San Martiño Pinario e é o comisario da mostra bibliográfica Memoria silente, que ata o 10 de maio pode verse no claustro alto do colexio de Fonseca. Trátase de dúas actividades do ciclo De lugares e órganos impulsado polo Concello de Santiago para dar a coñecer este patrimonio sonoro durante os últimos anos.

Precisamente, edición tras edición, no marco do ciclo programáronse distintos itinerarios para achegarse aos órganos. Nesta ocasión, aos de San Martiño Pinario, que teñen como valor engadido, segundo destacou Andrés Díaz Pazos, o lugar no que están situados. «Ese espazo do coro non ten sentido sen uns órganos, son parte integral. Era onde se celebraba toda a liturxia dos monxes», explica. Tamén os fai singulares que foron construídos por organeiros galegos, os irmáns Rodríguez Carvajal -orixinarios de Tui-, e o feito de que sexan representativos da súa época, principios do século XVIII. A iso engádeselle que tamén conta con órganos con dúas caixas xemelgas. «Un dos focos principais onde se empezou esa moda dos órganos enfrontados con caixas iguais foi Compostela e, dende aquí, espallouse para o resto da Península e para Sudamérica», destaca o musicólogo. Precisamente, os primeiros instrumentos dos que hai constancia destas características na actualidade son os da catedral compostelá.

Pero, como se atopa todo este patrimonio musical? A súa situación é dispar, afirma o investigador. «Hai algúns que están xa restaurados, como o de San Paio de Antealtares, e os das igrexas da Compañía, de Ánimas e de San Miguel, que están moi ben restaurados, isto é, procurando respectar a súa esencia», detalla Andrés Díaz Pazos. En cambio, outros, como o de San Martiño Pinario, «case non quedan tubos pero si outros elementos importantes que permitirían a súa reconstrución». Non é único que agarda pola súa restauración para que o seu son se poida volver a escoitar. Nesta situación tamén se atopa, por exemplo, o do pazo de San Lourenzo.

Nesta edición do ciclo De lugares e órganos incluíu a exposición bibliográfica Memoria silente: itinerarios polo patrimonio organístico esquecido. O órgano nos fondos da Biblioteca Xeral nun intento de mostrar a pegada do patrimonio noutros ámbitos. Nela sobresaen exemplares como o tratado sobre a montaxe deste tipo de instrumentos do pai bieito Dom Bedos de Celles, «un libro moi cotizado e moi lido aínda polo nivel de detalle sobre a construción dun órgano. Ademais conta con 137 láminas espectaculares». Entre os volumes expostos do fondo bibliográfico universitario tamén se atopa un tratado de Mariano Tafall, que foi organeiro da catedral compostelá, así como traballos de Athanasius Kircher. «A biblioteca da Universidade de Santiago é unha das poucas do mundo que conservan todos os seus traballos. Deles sacamos uns gravados moi bonitos», afirma o musicólogo. Na mostra tampouco faltan pequenos libros didácticos.