«Pioneiras» volve descubrir a vida de galegas de cine

SANTIAGO CIUDAD

cedida

Plantáronse contra o sistema pola súa vocación. A segunda entrega destes contos sen princesas é un agasallo para nenos e adultos

15 feb 2019 . Actualizado a las 10:39 h.

Un ano. É o tempo que tardou Xerais en sacar a nova entrega de Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño. O éxito das súas 12 primeiras biografías coincidiu cunha «explosión da reivindicación das mulleres», din as súas autoras, que fixo que o libro «transcendese o ámbito escolar», para o que fora pensado, e se esgotase en pouco tempo nos andeis das librerías. Desde esta semana, novas heroínas agardan ser descubertas.

«Cando publicamos o primeiro Pioneiras non paramos de recibir mensaxes. De agradecemento, pero tamén de propostas de máis galegas que, dalgún xeito, foron as primeiras», conta Anaír Rodríguez. A escritora volve firmar as historias deste conto que inaugura o capítulo dedicado a Antonia Ferrín Moreiras, a primeira muller en defender unha tese sobre astronomía en España e tamén a primeira profesora de Matemáticas da USC. «Antonia era unha débeda pendente», recoñece Anaír.

Once rebeldes con causa

Xunto con Ángela Ruiz Robles, a precursora do libro electrónico, son os dous nomes máis coñecidos das 11 biografías propostas. «Desta vez centrámonos nun espazo de tempo máis concreto, a primeira metade do século XX, pero quixemos seguir apostando polos perfís menos coñecidos. Do que se trata é de abrir o apetito. Que a xente queira saber máis», di Anaír.

Evidenciamos unha falta de referentes que ten consecuencias a nivel social

A publicación é un libro ilustrado onde os debuxos son os protagonistas. Abi Castillo colle o relevo de Nuria Díaz e asume o reto de pórlles rostro a estas precursoras. «Non quito o sorriso da cara. É un proxecto ilusionante. Saber delas tamén foi un achado para min. Á hora de debuxalas, inspireime no seu traballo. Dalgunhas foi difícil atopar un rexistro fotográfico e doutras nin tan sequera o temos. Pero o importante foi situalas no contexto do seu oficio, cos seus instrumentos e as súas ferramentas. Facendo o que máis lles gustaba», describe Abi Castillo.

Aeronautas, mestras, actrices, políticas... Vidas silenciadas (ata hoxe!). Como a da inventora dun dos primeiros traxes de auga que tivo en nómina a 20 costureiras, Joaquina García. «Denunciamos e evidenciamos unha falta de referentes que ten consecuencias a nivel social. Confío en que os libros de texto e divulgación cambien. Hai quen di que isto é unha moda, benvida sexa! Eu falaría de xustiza. É unha tendencia que vén para quedar. Hai calado aquí, cambio social», defende Anaír.