Javier Ferreira: «Nós non estamos por recortar os gastos»

Ignacio Carballo González
i. carballo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

«Ou redefinimos o plan de equilibrio financeiro ou non entramos en ningunha fase expansiva», afirma o novo xerente da USC

29 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os xerentes da USC son tradicionalmente «superxerentes» pola dimensión da institución. Este ano, un orzamento duns 232 millóns de euros (case sete máis que no 2017) e 4.000 nóminas. Mais na etapa que comezou tras as eleccións de abril, con Antonio López no Reitorado, a Xerencia está reforzada pola supresión dos asesores dos vicerreitores e porque o reitor asumiu directamente as competencias de xestión económica. Pero Antonio Javier Ferreira Fernández (Valdoviño, 1966) non se considera un «superxerente».

-A súa Xerencia está reforzada como nunca antes na USC.

-Houbo unha aposta, non por crear unha superxerencia, senón por profesionalizar a xestión administrativa e económica. Ata agora unha parte da estrutura de xestión pivotaba sobre adxuntos ou asesores dos vicerreitores. Agora creamos unha estrutura de vicexerencias, que son catro, transversais e que colaboran plenamente cos distintos vicerreitores. Esto supón a supresión de tódolos cargos de asesores e adxuntos aos vicerreitores e a creación dunha nova vicexerencia. Son a de persoal e investigación, a de xestión académica, a de infraestruturas e economía, e a de Lugo e servizos á comunidade universitaria.

-¿Supón máis custo?

-Hai un equilibrio entre o custo que supuña o anterior goberno e o novo. Este máis profesionalizado, incluso aquelas asesorías eran a tempo parcial. Son catro vicexerentes [Pilar Martínez García, Xosé Antón Freire Ramos, Francisco Colomer Fariña e Xosé Delfín Pérez González] cun currículum reputado e con experiencia na USC.

-Leva pouco máis dun mes na Xerencia. ¿Cales son as prioridades inmediatas nas que traballa?

-O primeiro no que estamos traballando é en tratar de poñer en claro a situación económica. Non quero dicir que non estea clara...

-O anterior equipo dicía que si estaba...

-Hai tensións orzamentarias e temos que ver como solucionalas.

-¿Que dimensión teñen esas tensións orzamentarias?

-A crise a nivel global existe e a USC tivo un plan de equilibrio financeiro no que sigue inserida, porque dura ata o ano 2020. Temos unha débeda que segue aí.

-Juan Viaño dixo que a reducira de 50 a 30 millóns de euros.

-Eu non pretendo facer crítica do anterior equipo, nin moitísimo menos. A débeda reduciuse, na miña opinión, a través dunha política contable: reducir o gasto.

-Recortes, basicamente.

-Os recortes non son negativos se son feitos cun criterio concreto e definido. Cando son lineais e o único que se utiliza é un criterio contable, poden ser moi perigosos porque poden desequilibrar a Universidade. Eu quero analizalo con detenimento, e en setembro se trasladará a comunidade universitaria cal é a situación real, que expectativas temos de futuro... E iso serve para algo que é urxente: empezar a pensar no novo plan de financiamento.

-Quedan menos de dous anos e a USC ten que facer valer as súas singularidades.

-Temos que trasladarlle á sociedade e á Xunta de Galicia que nós temos un feito singular. Sei que na Coruña e en Vigo probablemente isto non guste, pero é a realidade: o 60 % da nosa infraestrutura existe antes da segregación das universidades. É dicir, é moi vella e ten un custo moi elevado. Temos a estrutura de investigación máis potente do sistema universitario galego, con moito. Nós no fondo estrutural de financiamento non avanzamos, pero si nos que rexe o principio de competencia. Temos un profesorado cunha idade avanzada, que supón madurez intelectual e algo máis de custo. Isto nos fai singulares, e ademais temos titulacións únicas. Se pode cooperar e colaborar coas demais universidades, por suposto, pero se isto non se pon en valor temos un futuro complicado.

-Polo tanto, á USC non lle vale un sistema como o actual baseado no crédito matriculado.

-Non. E un sistema no que se cre que a investigación se financia simplemente otorgando subvencións condicionadas, non vale para a USC. A investigación debe recibir un financiamento basal como recibe a docencia. ¿Crédito matriculado? Ben. Pero hai unha serie de ítems polos que podemos medir a produción investigadora que teñen que ter un financiamento estable e basal. A consecuencia de non telo é ter 900 persoas contratadas con cargo a proxectos de forma precaria. Este é un obxectivo inmediato que temos que solucionar.

-Portas a fóra semella que hai boa sintonía entre os reitorados.

-Sintonía ten que seguir habendo. Eu tiven xa contactos cos outros xerentes. E a hai, pero cada quen ten que defender o seu e asumir a singularidade do outro. Se non é así non seremos leais. E todos temos que ter un obxectivo común: que a Xunta de Galicia financie as universidades da maneira que ten que facelo. Temos un reto fundamental: garantir un financiamento basal que non estea condicionado permanentemente a subvencións e a financiamento afectado, que condiciona moito a acción das administracións subvencionadas. Iso leva a que se merme substancialmente a autonomía da universidade. Un dos obxectivos é recuperar a autonomía e a capacidade de decidir.

-En espera do plan do 2020, ¿pensan cambiar o plan de equilibrio financeiro da USC?

-O reitor xa trasladou ás autoridades o inicio de negociacións para o refinanciamento da débeda, para ter unha maior liquidez a curto prazo que nos permita afrontar algúns dos retos que temos de inmediato, como as novas titulacións ou o mantemento de infraestruturas. Despois teremos que chegar a outro acordo de redefinición do plan de equilibrio financeiro. Obviamente, para iso precisamos a autorización da Xunta de Galicia, e creo que hai boa disposición. Todo isto son obxectivos para este ano.

-¿Entramos nunha fase expansiva na USC con incremento das contratacións?

-Se somos quen de redefinir o plan de equilibrio financeiro, si. E creo que seremos. O marco que agora temos non prevé isto. Ou redefinimos ese plan ou non entramos en ningunha fase expansiva.

-Antonio López baseou a súa campaña en que había que cambiar a política de recortes.

-Por iso xa demos pasos nese sentido. E se non o conseguimos, dende logo, os recortes non se poden dar nos elementos estruturais da USC. Teremos que valorar cuestións como redefinir a nosa estrutura de entes instrumentais, cooperar con outras institucións mesmo na recuperación das nosas infraestruturas e para incrementar os ingresos. Nós non estamos por recortar os gastos senón por incrementar os ingresos.

-¿En contratacións de persoal superarase a reposición do 100 %?

-Hai condicionamentos legais. Neste momento, tan relevante como a taxa de reposición son os procesos de consolidación, tanto no PAS como no profesorado.

«Temos que facer máis rendibles as nosas infraestruturas»

Javier Ferreira fala de «boa sintonía» co goberno municipal de Santiago e pon o exemplo do acordo entre USC e Concello para a recuperación do campus.

-¿Cando se verán melloras no Campus Vida?

-Comezamos a traballar nun proceso de rexeneración urbana e espero que a finais de ano se vexa xa obra. Que sexa máis accesible, que un alumno poida saír en bicicleta do campus e conectar coa cidade...

-Iso significa eliminar coches.

-Probablemente, eliminar algúns coches... Significa tamén abrir máis o campus á cidade, compartir instalacións, sexan deportivas ou doutra natureza. Entendendo que a quen se debe a Universidade non só é aos seus usuarios directos, senón á sociedade en xeral.

-Houbo un conflito no servizo de limpeza e un concurso de 5,5 millóns que quedou deserto.

-Estamos negociando cos actuais prestadores do servizo para tomar unha decisión definitiva a finais de ano. Non desbotamos ningunha opción. Creo que debemos facer un plan para poñer en valor as nosas infraestruturas e facelas máis rendibles. Temos 555.000 metros cadrados útiles.

-E moitos deles de baixo uso.

-E alto consumo. Hai que abrir á cidade certas infraestruturas.

-¿Poderían pechar instalacións?

-Hai que estudialo. Está claro que se un espazo non se utiliza, hai que valoralo porque hai que limpalo, quentalo e mantelo. Non se pretende vender patrimonio, pero si racionalizar o seu uso.

-¿Como ve o proxecto da nova Facultade de Medicina?

-Está sen redactar o proxecto de execución, cuestión que o reitor xa trasladou aos conselleiros de Sanidade e Facenda e creo que hai boa sintonía. Nós o que queremos é poñer os compromisos nun papel e que sexan firmes, tendo en conta variables como o uso futuro da actual Facultade ou garantir a conectividade da nova no espazo onde se insire. Somos tres axentes implicados neste proceso.

-¿Hai que seguir conxelando as taxas, como mantén a Xunta?

-Dende o punto de vista social, si. Sempre e cando a Xunta garanta unha compensación. As taxas supoñen para a USC cerca do 18 % dos ingresos globais, e agora o lexislador incrementou as retribucións do persoal nun 1,5 %. Imos requerir da Xunta que sexa sensible e que nos compense esa perda de poder adquisitivo.