«O consenso é vital para o equilibrio e a supervivencia do Consorcio»
SANTIAGO CIUDAD
O organismo do que é xerente celebra este mes o 25 aniversario do seu nacemento, sempre con fluidez interadministrativa
16 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Van alá 25 primaveras desde que se constituíu o Consorcio, un tal 28 de abril de 1992 e na casa de Vaamonde andan movéndose para celebralo. «Longa vida ao Consorcio, ata as próximas vodas de ouro polo menos. E ate o infinito», di a súa xerente Belén Hernández en resposta a unha interrogante deste redactor.
-Feliz aniversario.
-Moitas grazas.
-Son uns cantos anos.
-Si, vinte e cinco xa dan para unha historia.
-¿Estes organismos chegan a envellecer?
-Claro, porque están formados por tres administracións e dependen da vida destas. Pasan momentos mellores, peores. De todos xeitos eu non diría que envellecen, pero si que teñen vida propia.
-Esas administracións están na palestra polo financiamento.
-Xustamente agora é o momento máis raro para falar disto, porque non hai problemas reais. Si que os houbo no pasado. Se as administracións conteñen o gasto pola crise, iso afecta. Depende dos momentos das administracións, dos seus recursos, orzamentos, organización. Tamén pasou co Concello.
-O temor é sempre á baixa económica, nunca á alza.
-O escenario dos últimos anos foi ese en todos os casos, e non só no do Consorcio. Foi á baixa en todos os aspectos, servizos e administracións. A crise foi pavorosa, e aínda diría que o Consorcio non saíu malparado comparado con outros sitios porque mantivo a esencia.
-¿Mantense un bo equipo?
-Si. Só podo falar ben del. A xente é vinte e cinco anos máis vella pero hai un bo ambiente de traballo, remamos na mesma dirección e recuperamos a ilusión e o horizonte.
-Son dez millóns de orzamento. ¿Non lle faría falta un pico?
-Un pico, dous picos e tres picos. A excepcionalidade da cidade require moitos recursos. E agora introducimos unha variante que é a sostibilidade, que tamén require fondos. E logo hai que estar sans e guapísimos porque somos referentes para millóns de visitantes. Claro que queremos un plus para iso, máis que un pico.
-¿Madrid, dono e señor do Consorcio?
-Non, non, para nada. A achega do Estado sempre foi a máis importante no Consorcio e a partir do 1 de xaneiro do 2015, en función da lexislación vixente, estes organismos quedan adscritos ás administracións que aporten más do 50 % do capital. E entón pasamos a depender da Administración central. No traballo do Consorcio si ten repercusións importantes porque nos esixen como a calquera ministerio. Pero a presidencia tena Santiago, que é quen coñece realmente as necesidades propias.
-Din que o de Santiago é dos que mellor se portan para Madrid.
-O que escoito é que están moi contentos co Consorcio de Santiago porque a traxectoria de 25 anos avala unha boa xestión. E somos pouco problemáticos en xeral. Aquí sempre se consensuou todo. Non traemos nada que poda xerar polémica e hai lealdade por enriba de calquera outra consideración. Claro, comparado con outros consorcios iso é unha satisfacción.
-¿Perigou ou perigará algunha vez ese consenso?
-Dende que estou eu, nunca. E se despois de 25 anos non somos quen de mantelo, sería para chorar. É fundamental ademais para o equilibrio e a supervivencia do Consorcio.
-¿As relacións co Concello?
-Nesta mesa as relacións son inmellorables. Fluidez total entre as tres administracións.
-Refírome ás súas co Concello.
-Eu traballei moi ben cos dous presidentes que me tocaron no Consorcio, dende a base da confianza e a lealdade en calquera caso. Se non é así, o mellor que podes facer é marchar. Eu só podo ter palabras de agradecemento.
-Unha boa bagaxe de 25 anos da moito de seu.
-Houbo exercicios de 25 millóns de investimentos. O que podo dicir é que sen o Consorcio non habería esta transformación da cidade. Non teriamos Palacio de Congresos, Multiusos de Sar, finca de Simeón, a orquestra, parques, viarios,... A cidade sería distinta sen este organismo.