Os editores galegos reforzarán a súa actividade no exterior

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

23 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A directiva da Asociación Galega de Editores celebrou onte unha asemblea para a renovación de cargos directivos, cunha case continuidade total da directiva anterior. Á fronte deste colectivo continuará Alfonso García Sanmartín, quen, entre outras cousas, anunciou un reforzamento das actividades para a difusión exterior do libro galego e o reforzamento da presenza nas feiras internacionais do libro.

En concreto, o presidente anunciou a creación de grupos de traballo de carácter técnico para a presenza exterior e este argumento será o central do vindeiro simposio de editores. Tamén está previsto invitar a participar neste encontro aos responsables das feiras do libro de Guadalajara e Bolonia, de cara á participación de Galicia como país invitado en ambas feiras.

No mesmo programa poderían participar importantes editores brasileiros.

Segundo García Sanmartín, está previsto que nos próximos meses a asociación traslade a súa sede a Santiago de Compostela.

Por outra banda, a Asociación Galega de Editores impulsará a posta en marcha da Fundación Culturgal para a celebración da feira das industrias culturais.