Ao sol da espera

CARLOS VÁZQUEZ

SANTIAGO CIUDAD

NO OUTEIRO | O |

20 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

VOTABA Galicia cando na praza da Quintana un señor, cos regos do tempo na súa faciana, chamou a miña atención. O home ía de traxe con chaleco e boina tornando do sol. Sentado na pedra, a carón noso pero alleo aos das terrazas, empregaría longos minutos na procura dalgo no pantalón. Por fin, dado co demo do chisqueiro, axiña plantou lume ao cigarro, coincidindo isto cos badalos das campás. Eran as cinco e a vida pausada alí na de Mortos ren semellaba ao trasfego dos pequeniños e grandes colexios electorais. Rematado o fumar, a bo seguro satisfeito, colleu e, metendo nesta ocasión a man na chaqueta, deseguido sacou un cacho de pan duro. Alí mesmo, sobre da pedra secular, machucouno fortemente coa palma, mentres que xa as pombas andaban interesadas arredor del. Repartiu así: unhas migalliñas para unhas, anacos bos que levaron outras. A calor daba sede e mentres que aquelas enchían o bandullo, el botou man da botella de auga. Tralo trago sosegado, secou os beizos e arrancou aínda a tempo de votar, se non o fixera xa. E nós alí quedamos cavilando e falando de todo menos dos votos da emigración, que á fin han resultar os decisivos.