«Sendo nena xa me regalaron a cámara de fotos e, senón, tamén tiña a de meu pai»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

ROIS

JORGE FREIRE

A veciña de Rois Lara Barreiro gañou un premio fotográfico no Xuventude Crea

21 dic 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

A paixón pola fotografía e a pintura, xunto coa creatividade, son legado familiar de Lara Barreiro López, formada en Fotografía na Escola de Arte e Superior Mestre Mateo de Santiago e graduada en Historia da Arte pola USC. A veciña de 27 anos de Casal, en Seira, no concello de Rois, acaba de gañar o segundo premio (compartido) do certame da Xunta Xuventude Crea 2025.

Cun perfil nas redes sociais baixo o nome de Enferruxada, presentouse co traballo Cartografía do azul, unha serie que transforma a luz en memoria e desaparición, creada a partir dunha fotografía analóxica da súa avoa e revelada en tea de algodón mediante a técnica da cianotipia. Na imaxe aparece súa avoa Carme a de Xaquín e pódese ver nunha exposición aberta ata o 5 de xaneiro na Igrexa da Universidade de Santiago.

Para Lara Barreiro, que está opositando, é o segundo premio despois de acadar un accésit no Concurso de Fotografía Xurxo Lobato, cando estudaba primeiro de Bacharelato. Foron as dúas únicas veces que se presentou a un certame. A paixón pola fotografía e a pintura corre polas súas veas xa que o seu pai, Andrés, «gravaba todo coa cámara», segundo conta ela, e súa tía Marta era a fotógrafa oficial da familia, xunto con outra, Elena, coa que comparte o gusto pola pintura, explica. «Na familia somos moito de gardar todo, de ver fotos e de contar cousas», afirma Lara, o que quizais lle influíu para que sempre tivese claro que lle tiraba a fotografía. «De pequena xa me regalaron unha cámara e, senón, tiña a de meu pai», asegura. Así o testemuñan as imaxes e os vídeos feitos polo pai e nos que ela reclama a cámara, engade. «Tamén me gusta saír nas fotos, pero máis facelas», precisa. Tanto que, cando estudaba, súa avoa tenlle dito máis dunha vez «vouche tirar coa cámara ao inferno», aínda que co tempo xa a foi acostumando coa escusa de que «tiña que facer un traballo», conta.

Nesta expresión artística acumula varias creacións, como a dedicado aos maiores da súa aldea e de Porto, en Pontecesures, de onde é a súa familia paterna. A raíz diso, tamén expuxo en Rois no 2020, baixo o nome de Aloitadoras, con imaxes de 31 veciñas ás que o Concello lle dedicou o Día da Muller. Tamén centrou o proxecto de fin de carreira na fotografía e, en concreto, na visión da muller rural galega dende a mirada de fotógrafas, descubrindo o traballo dalgunhas da zona. A raíz da pandemia aparcou un pouco a fotografía, pero non a pintura, que «foi o único que nunca deixei. Se non pinto é como se me falta algo», asegura.