O tempo chuvioso e frío retrasou a plantación dos pementos de Herbón nos invernadoiros
PADRÓN
«Plantamos tan tarde tamén porque a planta non dou saído adiante nos semilleiros», asegura o produtor Antonio Martínez
28 feb 2025 . Actualizado a las 05:05 h.Con mes e medio de atraso plantou nos invernadoiros os pementos de Herbón a firma Evangelina e Gómez, da parroquia de Padrón, unha das primeiras en facelo cada tempada, tanto que o ten feito a mediados de xaneiro. Este ano o retraso foi debido a toda a humidade que hai, segundo conta Antonio Martínez que, xunto a súa muller, María do Pilar Gómez, rexentan a marca. «Plantamos tan tarde tamén porque a planta non dou saído adiante nos semilleiros», engade o produtor, en alusión a que o mal tempo tamén prexudicou aos viveiros. «Chegoulle moito o frío e a auga», conta Antonio Martínez. No seu caso, fixeron a semana pasada a plantación en dous invernadoiros e quédalle pendente un.
O produtor explica que as plantas aínda corren o risco de podrecer a cuberto pola humidade que hai, polo que agora o cultivo precisa de boas temperaturas e horas de luz, di o veciño de Herbón. Pese ao mal comezo, afirma que «hai que ser optimista» e confía en que, coa axuda de abono natural, a planta recupere o atraso que leva.