Herbón certifica que o seu pemento «es lo más grande que hay en el mundo»

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

O pregoeiro da festa gastronómica da parroquia de Padrón pediu apoio para o traballos dos produtores

03 ago 2024 . Actualizado a las 17:08 h.

A carballeira do convento franciscano de Herbón, en Padrón, repetiu hoxe como marco incomparable da festa do auténtico pemento de Herbón, que se celebra o primeiro sábado de agosto e na que había 1.500 kilogramos de produto para servir en 4.500 racións. Para fritilos, a comisión de veciños que organiza a cita empregou 15 tixolas de gran tamaño e isto foi, quizais, do máis fotografiado polos asistentes, en boa medida turistas de fóra de Galicia, ademais de  peregrinos e moitos veciños da parroquia

A sombra dos carballos agradeceuse nun día de calor no que por moitas fotos e vídeos que se fixeron non saiu, seguramente, o intenso olor a pemento que encheu o espazo a partir das dúas da tarde, cando comezou o reparto nos pratos de barro de Buño para os que había que adquirir un boleto. Previamente á degustación celebráronse os actos oficiais, empezando pola entrega de premios aos tractores que participaron na procesión agrícola que, dende Herbón, foi ata o centro de Padrón. Este ano houbo récord de participación, con 30 máquinas, a maioría engalanadas con motivos relativos ao pemento de modo que, por exemplo, nunha delas tiña a medalla de número un nos Xogos Olímpicos, en alusión á cita deportiva destes días en París. Todolos participantes levaron un obsequio e, no caso dos tres primeiros, tamén un regalo en metálico. 

Un dos momentos máis agardados da festa foi a lectura do pregón, que este ano recaeu en Alberto Félix Traversa Correa, co-director da revista especializada La Alacena Roja. Arxentino afincado en Galicia, nada máis empezar, Traversa confesou un segredo: no espello retrovisor do seu coche leva colgado a figura dun pemento de Herbón. Cando lle preguntan por que, responde sen dubidar: «es lo más grande que he descubierto en Galicia a nivel alimentario y es algo único».

Na súa opinión, o pemento de Herbón é suficientemente coñecido en Galicia, pero non tanto fóra e, «a pesar de que le salen imitadores por todos los lados, el de aquí es absolutamente espectacular», dixo. Non deixou pasar por alto unha das singularidades do pemento de Herbón e fíxoo dun modo moi ilustrativo: á hora de levalo á boca «es toda una aventura» porque «puedes tener la desgracia de acabar llorando», ou tamén pode que non, en alusión á posibilidade de que piquen. Ou non porque, xa se sabe, os pementos de Herbón uns pican e outros non. 

Tampouco quixo omitir o debate de se se deben consumir con rabo ou sen el pero dixo, que en calquera caso, «siempre pimientos de Herbón». Non olvidou tampouco que é un produto que ten o amparo da Denominación de Orixe Protexida (DOP) e que fai patria porque marida perfectamente coas viños blancos galegos, polo que axuda a que se consuman máis. Alberto Traversa tamén explicou que o pemento de Herbón se presta para acompañar con todo tipo de platos, dende carnes a peixes ou unha tortilla. 

Finalmente, o co-director da revista La alacena Roja fixo un chamamento para seguir apoiando «de verdad a la gente que día a a día y durante todo el año trabaja por el cultivo del pimiento de Herbón» e, nesta liña, sinalou que «falta gente que trabaje la tierra y el campo por lo que son necesarias acciones para que la gente no se vaya del rural y tengamos una Galicia vaciada». As súas últimas palabras antes de deixar que os asistentes «atacaran los pimientos», en alusión a degustalos, foron «hay que hacer más grande este producto por que es lo más grande que hay en el mundo».

Alberto Traversa participou na entrega dos premios aos tractores decorados, xunto co alcalde de Padrón, Anxo Arca; o director xeral de Agricultura, José Balseiros; e ao que a comisión organizadora considera o pulmón da festa, o empresario Andrés Quintá. Todo elo nun acto presentado polo locutor radiofónico Héctor Bermúdez. 

O momento dos discursos rematou cunha nota lida polo presentador en nome da comisión de veciños que organiza a festa, que levan nove anos "dándoo todo" pero consideran que é hora de que outros tomen o relevo. A esa hora moitos xa tiñan na man o seu prato cos pementos e o pan de millo, que degustaban en mesas instaladas na carballeira, onde o olor dos pementos era notable. Non faltaba tampouco o polbo, unha cantina e mesmo postos de rosquillas. Que máis se pode pedir para unha boa romería galega?