O sombreiro de Murga


Murguía era pequeno, tan pequeno, que os amigos lle chamaban Murga, o rato. Cando vaiades, se ides, os pícaros, á casa de Rosalía na Matanza, tendes que saber que no cuarto de enriba, no sobrado, debaixo do sombreiro de copa de Murguía, efectivamente, vive un rato. Ten o sono cambiado e dorme a perna solta polo día. Se arrimades a orella podedes escoitar como respira cun latexar minúsculo e afastado. Falade baixo porque ás veces espértano as visitas e, coma o escritor, éche xente de xenio, de carácter. Pola noite sae do seu tobo na chistera, prende as luces e anda fachendoso pola casa.

Os veciños da aldea falan de aparecidos e pantasmas. Mesmo din que mirando polas fendas do portalón escuro teñen visto de noite a familia reunida debaixo do loureiro dos poetas. E un canciño pinto oubeando coma un tolo pola horta. Non hai tal. Xa lles dixemos que non era Rosalía nin o can. Que era o rato.

O roedor entra no forno abovedado da cociña, furga no pote do caldo e gatea pola gramalleira enferruxada. Sobe ata a casa da cerámica celta pero como non ten porta non dá entrado. Despois, coma se nada, vai andando por enriba de onde están as fotos da escritora. A nai de Rosalía fítao co seu ollar severo de fidalga. Aínda así, todas as mañás atopamos algunha revirada.

O rato, coma vós, nada sabe de fiestras abertas cara o mar nin negras sombras e chouta na cama derradeira sen respecto, frega o fuciño contra os lenzos de Ovidio, na casca dun piñeiro, na pedra das lavandeiras da auga, corre por enriba das teclas do piano arrincándolle semifusas e corcheas ao silencio da casa. Ou pasa por debaixo do vestido gris pérola de Rosalía, deixando un frufrú de sedas vellas e broslados. Desde o bigote revirichado do busto de Murguía, despois dos momentos tensos da escalada, fítao fronte por fronte, con descaro, como dicíndolle: aquí estou eu tamén, cos meus mostachos. Ao mellor é cousa de propormos desde a Fundación mercar un gato rateiro para que poña un pouco de orde no asunto.

Igual que a vós, métenlle medo os trens que pasan con rechiar de ferros na alta noite quen sabe para onde. Pero é arriscado. En noites de luar sae ao xardín e sobe ata o curuto do ombú, atalaia para ollar como pasan alá embaixo, polo Ulla largacío, as velas brancas. Corre por entre as camelias cos seus amigos ratos. Vai de troula con eles polos rueiros e ao seu tempo roe nos ambruíños, no ouro das espigas, e neses bulbos dos fiúnchos, doces, anisados. Os pementos non lle gustan, porque unha vez rillou nun, morrón, que lle picaba.

De madrugada, antes que o sol se erga entre as carrouchas do Miranda, regresa outra vez á paz do seu sombreiro. O sombreiro de Murga, que é como xa quere o rato que lle chamen.

Nota do autor

 No festival «Abride a fiestra» este ano tocoume contarlle a casa de Rosalía aos máis pequenos. Non o fixera nunca antes con xente tan miúda e tan simpática. Este texto é para eles. Non saben ler aínda. Para cando saiban. Tamén é para os grandes poetas belgas que compartiron con nós estes días de xullo no xardín das camelias da Matanza e na penumbra violeta do Pórtico: Taha Adnan, Frank de Crits, Geert van Istendael, Silvia Vainberg e Bart Wonck. Para Xavier Queipo e Ramón Neto. Beizón para eles.

 

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O sombreiro de Murga