A balconada que coñeceu Rosalía

PADRÓN

Alumnos de carpintería dun instituto de A Estrada fan o novo miradoiro

17 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Alumnos e mestres da especialidade de Carpintaría e Moble do Instituto de Educación Secundaria Losada Diéguez de A Estrada empezaron onte a instalación dunha nova balconada na Casa-Museo de Rosalía de Castro, no concello de Padrón. Os alumnos traballaron na peza menos dun ano durante as súas prácticas académicas.

Os visitantes da casa de A Matanza non podía acceder á vella balconada por motivos de seguridade, dado que estaba nun «estado deplorable», tal e como lembrou onte o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, que seguiu os traballos de carpintería.

A nova balconada, que quedará instalada a finais de semana, está feita en madeira do país, de castiñeiro, e recupera o estilo da balconada primitiva, que se pode ver nas fotos anteriores ao ano 1971. A madeira está tratada en orixe co que, cun «mantemento adecuado» a nova balconada podería «durar para sempre», tal e como sinalaron os profesores do ciclo medio de Carpintaría e Moble do IES Losada Diéguez da Estrada, Xosé Xoán Blanco, Xosé Ramón González e Xosé Magariños. Tanto eles, coma os alumnos, amosáronse «orgullosos» de levar adiante un proxecto que ten unha aplicación tan significada na emblemática Casa de Rosalía de Castro.

A nova balconada presenta, ademais, melloras con respecto a antiga de modo que a madeira non toca o chan do balcón, co que se evita que se deteriore pola humidade. Ademais, está tratada para que dure máis tempo e mesmo ten un acabado especial, resistible a auga.

Para os alumnos de Carpintería e Moble, este foi un proxecto amplo, que comezou coa elaboración dunha documentación técnica e histórica para tratar de recuperar o deseño da balconada que «coñeceu Rosalía»; logo realizaron unha planimetría con dúas propostas distintas, unha con balaustres rectos e outra inclinados, aínda que a fundación rosaliana se decantou polos primeiros.

Onte, o presidente da entidade agradeceu a implicación dos alumnos e dos mestres na mellora da casa de Rosalía de Castro, unha vez que a balconada é un regalo. Ese traballo de alumnos e mestres é, para Anxo Angueira, unha mostra da «interacción da fundación coa sociedade e co mundo estudantil». Angueira tamén lembrou que o cambio de balconada conta coa autorización de Patrimonio e que, coa nova, «cambiará a fisionomía do inmoble». Haberá que agardar a finais de semana para volver a ver a fachada da casa como a coñeceu Rosalía de Castro.

en directo obras na casa-museo de a matanza, en padrón