A identidade do mexillón

PADRÓN

Quietiños aí, que non respire nin diola. Paren as máquinas, que temos pifostio á vista. Non chegaba co Estatut, coa árbore de Guernica e co pemento de Padrón sementado en Murcia, que agora vén o presidente do consello e informa dunha nova alarmante: o mexillón galego non ten identidade. Xa estou sentindo o chiste: van cen mexillóns galegos da man perdidos polo mar de Arousa... Será por algo semellante ao que lle sucedeu a un amigo que vive en Madrid. El e a súa compañeira traballan coma bestas, así que o neno vai sendo criado por unha rapaza chegada do frío Leste. O outro día, cando ían deitalo, o pequeno deulles as boas noites en búlgaro. Cousas de globalización. Normal. Cando un colle unha lata de conserva e interpela ao escabeche, o mexillón resposta en chileno ou chinés. Haberá que contratar mergulladores que vaian pola ría preguntándolle ao noso molusco bivalvo cousas como «¿e ti de quen vés sendo?». Probablemente, o desconcertado mitilo non poida senón balbordar un par de «blub, blubs» antes de seguir arrimado á corda da batea desta nacionalidade nosa submarina. A este paso, o despiste do persoal, lamelibranquios incluídos, non o soluciona nin o trilingüísmo.