Por dous camiños se homenaxeou este ano á chamada Galicia exterior, a que queda fóra dos lindes actuais: Día da Letras e Pedrón de Ouro. Dende que nun afastado día da miña mocidade din co libro do profesor Cortés sobre o galego de Lubián, sentín unha mestura de fascinio e de devoción por esa e outras terras orientais nas que o galego é lingua común. E de gran riqueza, personalidade e unidade. O día 18 trasladouse a Academia Galega a Vilafranca, non só para homenaxear a Sarmiento na vila en que naceu, senón tamén para solidarizarse cos que alí, como aquí, loitan pola supervivencia da nosa lingua, con semellantes dificultades e moi parecidos entretollos. Pero foi un acto simbólico: algo máis haberá que facer entre todos para propiciar que aquelas terras orientais poidan deseñar e asenta-lo seu porvir. O caso é que, como subliñou en Padrón Felipe Lubián, a situación de verdadeiro desleixo en que esas terras se atopan pode acabar coas poucas xentes que alí quedan, como tamén ocorre aquí. Ninguén se vai da súa terra se pode vivir nela. Pero en moitas bisbarras galegas vida e heroicidade camiñan á par. E tal cousa non se pode esixir a ninguén. Paréceme que hai moitas maneiras de exterminio colectivo. E senón abride os ollos.