Seis casas locais de repostaría despacharán melindres, ricos e amendoados nunha mostra sectorial con outros produtos de elaboración artesanal
09 may 2026 . Actualizado a las 05:05 h.Cando en 1991 quen gobernaban no Concello de Melide viron no traballo artesanal dos reposteiros locais o mellor reclamo para ter unha festa gastronómica propia, a celebración botou andar «coa intención de protexer, poñer en valor e recuperar a forma tradicional de facer repostería de Melide e da súa comarca», lese na páxina web coa que conta para a súa promoción dixital a festa, que, máis de tres décadas despois da súa primeira edición, mantén a simbiose que define a filosofía coa que naceu. Esta fin de semana, a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional de Melide cumpre trinta e catro años como unha cita sinalada no calendario, e nela, seis docerías melidenses representan a secular tradición reposteira da vila e da comarca.
Panadería Tahona, O Forno de Suso, Pastelería Trisquel, Panadería Toques, Panadería Tarrío e Pastelería Estilo son quen custodian as receitas que, de xeración en xeración, se foron transmitindo para facer de melindres, ricos e amendoados un sinal de identidade «cun inequívoco valor dentro do noso patrimonio cultural inmaterial», recoñece a web. Os tres doces, elaborados artesanalmente con ingredientes naturais e de primeira calidade, poderán mercarse este sábado e mañá domingo no cantón de San Roque, onde se instalou unha mostra sectorial na que os doceiros ocupan un lugar destacado en casetas diferenciadas, dispostas no centro do espazo expositivo. Nunha fin de semana ateigada de festas gastronómicas para poñer en valor o produto ou a elaboración máis significada de cada concello, Melide serve a sobremesa máis larpeira cun trío de ases do que fixo bandeira.
O disputado cerne de Galicia reivindícase como terra doce sen admitir discusión con tres produtos que, na última semana, multiplicaron o traballo nos fornos da vila, onde a elaboración de melindres, ricos e amendoados cóntanse por miles para poder dar resposta á demanda asociada a unha sempre exitosa festa gastronómica. Patricia Sánchez, Jesús Mellid, Román Varela, César Sánchez, Nieves Vázquez e Alberto Rodríguez son algúns dos reposteiros melidenses que amasan unha tradición que, esta fin de semana, levará o bocado máis doce ás mesas de Melide, de toda a comarca, doutros concellos veciños, e de municipios máis aló do corazón da comunidade. O recoñecemento no 2013 como Festa de Interese Turístico de Galicia deulle á cita de exaltación de melindres, ricos e amendoados unha proxección que atrae visitantes, e tamén produtores artesanais que queren ter presenza na festa para dar a coñecer a súa mercadoría.
É así como a mostra sectorial en torno a que pivota a programación lúdica que a diversifica acolle expositores con outros produtos de elaboración artesanal como as galletas de nata que se elaboran no concello coruñés de San Sadurniño, os doces artesáns que fan no obradoiro arzuán de Mamá Teresa, ou as galletas de Xián, que é como son coñecidas as hostias de manteiga características da Ribeira Sacra. A mostra sectorial da Festa do Melindre é tamén un escaparate no que Melide presume de proxectos empresarias, de iniciativa familiar, no sector da alimentación. Casa Mejuto, na que elaboran licores artesanais dende 1954, é unha das firmas locais con expositor propio na cita de exaltación gastronómica, ao igual que El Huevo de la Abuela, dedicada á produción de ovo campeiro, e a factoría artesanal de xeados Borboriño. E representando ao centenario comercio melidense atópase Casa Juanito, un clásico entre os ultramarinos da vila.
A inauguración oficial será mañá co xornalista Xosé Luis López como pregoeiro
Malia que a exaltación da repostaría artesanal de Melide ocupa dúas xornadas con cadansúas actividades promocionais, a inauguración oficial da Festa do Melindre celebrase o domingo, xornada tradicionalmente reservada para o acto que xunta sobre o escenario aos políticos locais, ás autoridades convidadas, e ao pregoeiro, papel que na trixésimo cuarta edición da festa gastronómica se lle confiou a Xosé Luis López Vila, xornalista na radio pública autonómica.
«Se hai algo que o une especialmente a nós é o seu vínculo con Melide; a través da súa familia, e co corazón posto na nosa vila, é habitual velo por aquí, sempre levando o nome de Melide alá onde vai. Un pregoeiro que coñece, sente e conta o noso », sosteñen dende o Concello melidense sobre o xornalista, que tamén estará acompañado no estrado polos persoeiros que, coma el, engrosarán a nómina de «Embaixadores do Melindre», unha distinción creada hai catorce que compromete a quen a recibe a divulgar as bondades dos tres doces artesanais que singularizan a repostaría de Melide.
A inauguración oficial da Festa do Melindre será, ás 12.00 horas, no cantón de San Roque, no centro urbano, espazo ao que, dende a praza do Convento, no corazón histórico da vila, se trasladou a mostra sectorial na que os reposteiros locais despachan o produto.